Xeopesca lanza un concurso de fotografía mariñeira (e libre)

Cartel do Certame © Xeopesca

A Asociación Xeopesca vén de lanzar un Concurso de Fotografía Libre coa temática da "Cultura Mariñeira Galega", na que se incluen elementos de pesca, artiluxios navais, arquitectura, festas, gastronomía, espazos singulares e demáis asuntos  relacionados coa cultura mariñeira. "En Galicia temos un patrimonio natural e cultural do que estarmos orgullosos e poder presumir na rede. Dende a Asociación Xeopesca queremos concienciar e fomentar a difusión de fotografías con licenzas libres para dar a coñecer  a nosa terra sen ningún tipo de cancelo", destacan.

As imaxes poderán enviarse do 1 de xuño ao 1 de setembro. O gañador ou gañadora do premio será recompensado/a con 200€ e o xurado podrá adxudicar un premio accesit de 100€. O xurado estará conformado por dúas persoas profesionais da fotografía e polo presidente e secretario da Asociación Xeopesca.

As fotografías deben ter unha resolución mínima de  2560 x 1920 píxeles e empregar as licenzas Creative Commons Recoñecemento–Compartir Igual ou GNU Free Documentation License. Permítese o retoque das fotografías, pero non se poderán engadir ou eliminar elementos que modifiquen a súa composición orixinal. En caso de dúbida e como comprobación poderase esixir o arquivo orixinal. Non se aceptarán fotomontaxes de varias fotografías.

A actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

 

Cartel do Certame © Xeopesca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.