Pontenciencia, cando a ciencia é un xogo

Entrega de premios da edición 2017 de Pontenciencia © Concello de Pontevedra

A Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra acolleu o pasado xoves e venres Pontenciencia, unha iniciativa que promove o achegamento á ciencia dos rapaces e rapazas dos centros de ensino da cidade, impulsada polo propio Concello, a Universidade de Vigo, FANPA-Pontevedra, o Parque nacional marítimo-terrestre Illas Atlánticas, o CSIC a través da Misión Biolóxica, o CIFP Carlos Oroza e Viacqua e financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía (Fecyt). Na cita, 300 alumnos e alumnas de oito colexios -San Bieito de Lérez, Marcos da Portela, Santo André de Xeve, San Martiño de Salcedo, Ponte Sampaio, Froebel, CEIP Príncipe Felipe e CEE Príncipe Felipe- amosou os experimentos científicos cos que levaban meses traballando e que serven para explicar de forma sinxela e a través de xogos diversos fenómenos naturais e procesos.

Ademais do espazo expositivo no que se expuxeron os proxectos participantes así coma os da comunidade universitaria, houbo un espazo de proxección audiovisual cun programa de vídeos e filmes relacionados co mundo da investigación e da ciencia, e outro espazo interactivo con actividades dirixidas a potenciar e dinamizar a feira atendendo os distintos grupos de idade dos participantes. Os e as escolares tamén puideron gozar nesta xornada das múltiples actividades que complementaban a presentación de proxectos nesta feira, como obradoiros de fabricación de obxectos con impresoras 3D empregando a pataca como fonte de enerxía, de experimentación con música electrónica ou sobre un achegamento sensorial á illa de Sálvora.

Esta terceira edición de Pontenciencia trouxo novidades importantes, como a incorporación, por primeira vez, de escolares dun centro de educación especial -o CEE Príncipe Felipe-, a introdución da perspectiva de xénero, coa exposición Mulleres Faro e a edición dunha baralla de cartas de mulleres pioneiras e científicas. O venres 2 de xuño foi o día dos colexios en Pontenciencia, mentres que o sábado 3 de xuño foi a quenda das familias, que tamén expuxeron os seus traballos científicos. A cita busca non só alentar o interese dos nenos e nenas pola ciencia, senón que tamén ten como obxectivo desenvolver competencias transversais como a comunicación verbal -teñen que expor os traballos- ou o traballo en equipo.

Entre os 18 traballos presentados este ano estaban estudos sobre a electricidade das froitas, o comportamento de “fluídos non newtonianos” ou sobre a fabricación de xabón a partires de aceites esenciais extraídos das plantas. Tamén experimentos que buscaban coñecer como mediante plantas poden filtrarse augas residuais para o seu uso en regos ou lavados, demostrar que nin a laranxa é a froita con máis vitamina C nin o seu zume perde propiedades de xeito inmediato ou amosar como unha serie de fotografías reproducen estereotipos de xénero.

“É o terceiro ano que vimos e a experiencia é moi enriquecedora, o máis interesante é que o alumnado traballa dunha forma práctica e comparte experiencias con outros nenos que están facendo o mesmo”, salientou Sergio Meis, profesor do CEIP Pontesampaio. Meis puña o acento na motivación e no traballo en grupo como dous dos aspectos máis positivos desta iniciativa, como fixo tamén María Victoria Calvo, do CEIP Marcos da Portela, quen incidiu en que o hoxe amosaban as nenas e nenos do centro era o resultado “de oito meses de traballo” por parte de 60 alumnos, que en diferentes grupos, traballaron na busca de métodos físicos e biolóxicos de depuración de augas. “Para eles é moi positivo, xa que aprenden como o que len nos libros se aplica na práctica”, subliñou.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Unha das actividades de Pontenciencia © Concello de Pontevedra
Os distintos grupos participantes amosaron os seus experimentos © Universidade de Vigo
Os distintos grupos participantes amosaron os seus experimentos © Pontenciencia
Experimento sobre a erosión dos solos © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.