A Rotonda, nova TV en internet sobre Vigo e a súa área, estréase este mércores cun debate sobre o AVE

Imaxe da gravación do primeiro debate de A Rotonda TV Dominio Público A Rotonda TV

“A Rotonda é unha televisión na rede sobre a actualidade de Vigo, un medio de comunicación humilde e independente cuns obxectivos sinxelos e directos: tratar, en sucesivas voltas de rotonda, temáticas de interese para a cidadanía de Vigo e a súa área dende unha óptica plural, e polo tanto discordante coa oficialidade imperante”. Así se presenta A Rotonda TV, un proxecto a través de Youtube e as redes sociais que este mércores comeza as súas emisións cun primeiro debate sobre o AVE e as súas estacións na cidade que conta coa colaboración de Praza Pública.

Os promotores do proxecto, en cuxo primeiro programa colabora Praza Pública, pretenden analizar diversas cuestións de actualidade “dende unha óptica plural, e polo tanto discordante coa oficialidade imperante”

A Rotonda é produto da iniciativa de profesionais vigueses da comunicación e membros de movementos sociais que botaban en falta un foro de debate sobre a actualidade alternativo as visións impostas polos medios de comunicación dominantes. O seu nome xoga coa proliferación na cidade de rotondas con todo tipo de decoracións e funcionamento, polo que os impulsores da canle ironizan con que todo vigués ou viguesa, “polo tanto amante forzado das rotondas”, pode estar interesado neste novo punto de referencia informativo.

"Nesta inauguración non haberá dinosetos, nin viños españois, nin políticos con tesoiras”, advirten os promotores da canle

O primeiro programa da nova canle analizará a situación e o futuro das dúas estacións de tren con que conta agora a cidade mentres agarda pola chegada do AVE coa Meseta e pola prometida estación central intermodal deseñada por Thom Mayne. Sobre estas cuestións debateron, coa moderación de Marta Pérez, o secretario de Organización do Sindicato Ferroviario en Pontevedra, Carlos Costoya; o portavoz municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez; o responsable de acción municipal do BNG en Vigo Xabier Pérez Igrexas; e o xornalista de Praza.gal especializado en infraestruturas David Reinero. Este primeiro programa, gravado e editado hai uns días, actívase para súa visualización na rede na noite deste mércores, coincidindo cun acto de presentación do proxecto aberto a calquera interesado en asistir que se celebrará na Cova dos Ratos (rúa Romil, 3) ás 21.00 horas. Os seus promotores advirten de que na inauguración desta a súa rotonda “non haberá dinosetos, nin viños españois, nin políticos con tesoiras”.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Cartaz de presentación do primeiro programa de A Rotonda TV Dominio Público A Rotonda TV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.