O software libre e o sector rural atópanse en Compostela

Captura de pantalla da web do evento Dominio Público Praza Pública

Santiago acolle este venres 16 de xuño a xornada colaboraTIC.gal, un espazo para amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial agrogandeiro e forestal. O encontro, organizado por AGASOL (Asociación GAlega de empresas de SOftware Libre), terá lugar de 9.30 horas a 14 horas na Cidade da Cultura e pecharase cun xantar de networking.

"Hai moitas explotacións e asociacións que non utilizan o software libre, xeralmente por descoñecemento, e con esta sesión trátase de que descubran as tecnoloxías abertas"

"O software libre ten moito que achegarlle ao agro e sector rural galegos. Queremos amosar o mellor de nós mesmos e mesma, queremos escoitar experiencias de interese, queremos colaborar", destacan. "O obxectivo é coñecer como traballan empresas/axentes do eido rural e como o software libre pode achegar solucións e melloras nas mesmas. Hai moitas explotacións e asociacións que non utilizan o software libre, xeralmente por descoñecemento, e con esta sesión trátase de que descubran as tecnoloxías abertas", din

No encontro, varios representantes de experiencias empresariais concretas, así como expertos a nivel teórico, falarán de experiencias nas que o software libre forma parte de iniciativas e proxectos no ámbito rural. Intervirá Fran Quiroga, que forma parte da liña de traballo do procomún rural do Laboratorio do procomún no Medialab Prado. Tamén, Carlos Ferrás, profesor na USC e fundador de Granxa Familiar, unha plataforma en software libre para a comercialización de produtos agrarios sen necesidade de intermediación de empresas distribuidoras. Estará igualmente Pablo Sanxiao, socio fundador de iCarto, empresa especializada no uso e desenvolvemento de tecnoloxías de información xeográfica, e activista do software libre. Finalmente, participará José Manuel Campos, de Ainfogra, unha iniciativa da Federación EFA de Galicia, que ten como como piar fundamental a difusión, formación e desenvolvemento en Software Libre orientado ao Medio Rural.

Na Sesión Conecta, tres experiencias do eido do software libre e tres experiencias do rural contarán como traballan, co obxectivo de identificar espazos de colaboración e sinerxías

Así mesmo, na denominada Sesión Conectatres experiencias do eido do software libre e tres experiencias do rural contarán como traballan, co obxectivo de identificar espazos de colaboración e sinerxías. En definitiva, para que o sector rural e as tecnoloxías abertas se coñezan un pouco máis. Procedentes do sector rural estarán Adegas Lagar de Costa, a Organización Galega de Comunidades de Montes (OGCCMM) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA). Procedentes do mundo do software libre participarán QGISGalirema e Librebit.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Captura de pantalla da web do evento Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.