O Parlamento Europeo rexeita o ACTA, que queda ferido de morte

Un grupo de eurodeputados opostos ao acordo amosa o seu rexeitamento no pleno da cámara Dominio Público Praza Pública

O Acordo Comercial Antifalsificación (ACTA) pode estar vivindo os seus últimos días, mesmo antes de comezar a aplicarse. A pesar de ter sido aprobado por 22 países da UE, entre eles España, e outros, coma Estados Unidos, Xapón ou Canadá, o rexeitamento expresado polo Parlamento Europeo este mércores, parece condenalo, cando menos, a unha renegociación ou a un longo adiamento.

A cámara votou en contra da norma, por unha maioría amplísima (478 votos contra 39, e 165 abstencións) e completa o proceso iniciado hai uns meses no que catro comisións do Parlamento (Liberdades Civís, Industria, Comercio Internacional, Asuntos Legais e Desenvolvemento), foron recomendando sucesivamente o seu rexeitamento.

Influíu, e moito, a presión da cidadanía, expresada en queixas e denuncias oficiais, que tamén foron debatidas no Europarlamento, unha delas, a promovida pola ONG internacional Avaaz, reuniu mesmo 2'8 millóns de sinaturas. Tamén tivo moita importancia a presión concreta exercida polos colectivos de internautas e polos grupos políticos de esquerda e ecoloxistas, representados no Parlamento polos grupos GUE-NGL (onde se integra Izquierda Unida) e Verdes-ALE (onde se insire o BNG), e tamén polos partidos liberais (ALDE). Porén, no debate que tivo lugar este mércores en Estrasburgo, todos os grupos, a excepción do Partido Popular Europeo (PPE), se pronunciaron en contra do pacto internacional.

A cámara votou en contra da norma, por unha maioría amplísima (478 votos contra 39, e 165 abstencións)

A este respecto, o BNG celebra a decisión "por considerar que a necesidade de protección da propiedade intelectual non pode ser unha porta de entrada á privacidade dos usuarios de internet". Segundo Ana Miranda, "o Parlamento Europeo non fixo máis que escoitar a demanda de millóns de cidadáns da UE que xa expresaran un rotundo non a este acordo adoptado polos Estados sen a mínima transparencia".

De igual xeito, o eurodeputado de Izquierda Unida, Willy Meyer, criticou “o obscurantismo e a falta de transparencia na negociación“, e denunciou "a ambigüidade, o carácter xeralista do texto, unha ameaza para a liberdade en Internet e a liberdade de expresión”. Meyer concluíu que "de asinarse o ACTA hai 20 anos, non existiría Internet tal e como o coñecemos”.

"A Comisión Europea levará o falido acordo ante o Tribunal de Xustiza Europeo, para que este se pronuncie sobre a súa compatibilidade cos textos dos tratados da Unión Europea"

Tras o resultado da votación, a Comisión Europea, como executivo da UE e promotor do texto, xa anunciou que levará o fallido acordo ante o Tribunal de Xustiza Europeo, para que este se pronuncie sobre a súa compatibilidade cos textos dos tratados da Unión Europea. Polo tanto, o Parlamento pechou unha batalla que se prolongou durante 3 anos, pero que podería abrirse de novo no futuro noutros frontes.

Un grupo de eurodeputados opostos ao acordo amosa o seu rexeitamento no pleno da cámara Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.