XuvenCiencia, aprendendo dende a experiencia práctica

Visita á Aula de Produtos Lácteos © USC

Está xa en marcha unha nova edición do campus de Verán XuvenCiencia, un proxecto de divulgación científica da USC dirixido especialmente ao estudantado do ensino medio e no que participan 146 docentes da USC. Comezou este luns e estenderase ata o vindeiro 8 de xullo cun total de 104 eventos na cidade de Lugo.

O quinto XuvenCiencia abriu o seu programa de actividades cunha charla divulgativa a cargo do físico Cibrán Santamarina, quen fixo o seu doutoramento no CERN, onde sigue a colaborar na actualidade, co título “Elemental, querido Schrödinger”. Santamarina traballa no departamento de Física de Partículas da USC.

O campus de verán está orientado a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato e desenvólvese baixo o lema Aprendendo desde a experiencia. Presenta un amplo programa de aprendizaxe e convivencia do que gozan 135 mozos e mozas, a través do que se busca dar a coñecer os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus Terra da USC (Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, e na Escola Politécnica Superior de Lugo), así como nos dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.

Así, por exemplo, destacan as visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Fundación TIC), e a realización de actividades prácticas e de talleres. O estudantado que participa en XuvenCiencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de 26 proxectos científicos, técnicos e sociais: cor, pigmentos naturais e pH; a enerxía do futuro, simulación dun convertedor de enerxía das ondas mariñas; investigando proteínas; animal CSI; árbores en tubos de ensaio; crea o teu anuncio publicitario; os científicos das letras; ou prácticas clínicas veterinarias, entre outros.

Ademais, o programa Lumieira Acompaña, guiado por monitores titulados da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das seis da tarde, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde para todos os estudantes. Nesta oferta lúdica atópanse actividades deportivas, camiñadas ou rutas de sendeirismo nas proximidades, piscina, xincana polo centro histórico de Lugo, etc. Así mesmo, este ano programouse unha oferta adicional con obradoiros de danza, teatro e audiovisual.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Outra das actividades nas que participaron os e as estudantes © USC
Participantes na edición 2017 de Xuvenciencia © USC
Os participantes de Xuvenciencia nunha das actividades celebradas esta semana © USC
Os e as participantes de Xuvenciencia, nunha das visitas a empresas © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.