Pintar a ciencia, explorar a arte

"Retrato Funcional" © Marta de Menezes

Traballa en laboratorios, entre probetas e reactivos químicos, e enfundada nunha brata branca semella bióloga, pero en realidade é licenciada en Belas Artes. A portuguesa Marta de Menezes decidiu usar a vida para facer arte, e non tivo problema en empregar bacterias, resonancias magnéticas ou técnicas propias da xenéticas para crear obras e retratos diferentes dos habituais

De Menezes compartiu a súa experiencia nos laboratorios no curso Ciencia e Arte: tan diferentes, tan semellantes, que tivo lugar este semana en Santiago de Compostela. Grazas á iniciativa da profesora coruñesa Margarita Cimadevila, persoas de 13 países europeos reuníronse na capital galega para intercambiar experiencias sobre como conxugar ciencia e arte

"Non é o mesmo plasmar unha idea nun cadro que amosar un libro cheo de fórmulas"

Cimadevila, formada na escola de profesores do CERN en Xenebra, leva desde o ano 2003 explorando as pontes que unen as dúas disciplinas. "Ensinar na escola é conseguir que os alumnos se interesen polo que explicas, e para iso tes que amosalo dun xeito atractivo", asegura. "Non é o mesmo plasmar unha idea nun cadro e facela vísible que amosar un libro cheo de fórmulas", remarca. Unha idea que comparte o químico e pintor austríaco Wolfgang Trettnak, para quen amais de axudar a visualizar conceptos, sobre todo aos máis cativos, abre a mente á creatividade. 

"Os investigadores con ideas boas e sólidas deben ser capaces de transformalas en imaxes, contos ou composicións musicais para seducir ao público"

"Separar ciencias e letras non é bo", afirma a bióloga italiana Marilena Streit-Bianchi, "despois de 40 anos traballando na ciencia nunca me deixou de interesar a arte". "Leonardo ou Galileo foron bos científicos e bos artistas, e Dalí empregou incorporou elementos da física a algunha das súas obras", lembra. Para a matemática nada en Pontevedra Susana Mataix, "Os conceptos científicos fíxanse mellor se os vistes cunha historia, porque as artes non son só pintura, senón tamén literatura e música". A autora do libro Matemática es nombre de mujer asegura que os investigadores con ideas boas e sólidas deben ser capaces de transformalas en imaxes, contos ou composicións musicais para seducir ao público. E desde a súa experiencia docente, Cimadevila asegura que moitos estudantes que destacan en ciencias tamén destacan en artes. 

"Científicos e artistas poden ter mentalidade distintas, pero a arte nútrese da ciencia", afirma Streit-Bianchi, "só hai que ver o deseño por ordenador ou o uso de novos materiais". Porén, os científicos adoitan ser menos receptivos a incorporar achegas da arte.

De Menezes, que actualmente dirixe unha exposición sobre ciencia e arte en Guimarães, resume o traballo do artista-científico como unha forma de facer pensar ao público. As preguntas que cómpre responder son as mesmas, pero agora os artistas deben procesar moitos máis coñecementos para poder transmitirllos a quen vexa a súa obra

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.