0 Gardados para despois

A infancia nos medios de hai cen anos: a prensa da emigración olla a Galicia e a galega, a Madrid

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Observar a representación na prensa da infancia galega e da súa educación como vía para coñecer e comprender "a vida social e os horizontes desexados" pola poboación. É un dos obxectivos que se marcou Uxía Bolaño Amigo, investigadora da Facultade de Ciencias da Educación da USC que vén de obter un sobresaliente cum laude coa súa tese de doutoramento, unha investigación que puxo a ollada na prensa galega -tanto a do interior como a da emigración- e madrileña publicada entre 1915 e 1936, unha etapa na que os medios presentaban un modelo de infancia e primeira adolescencia que "tentaba cumprir un labor de reprodución social baixo modelos identitarios que trasladan nocións de xénero, clase social e identidade nacional".

Pero xunto a eses trazos comúns hai tamén non poucas diferenzas. A grandes trazos, a investigación da doutora Bolaño conclúe que "mentres a prensa emitida no territorio galego olla cara a Madrid" como fonte de "modernización e progreso", a editada dende a capital española "torna a súa mirada cara ás elites burguesas e aristocráticas de París e Londres". Mentres, os medios que puñan o foco no territorio galego eran os da emigración, que "proxectan unha apertura cara a unha Galiza con conciencia de seu".

Naqueles comezos do século XX os medios de comunicación xa eran un vehículo para a "construción do imaxinario colectivo" e, polo tanto, reflectían tamén os desexos da poboación "praa coa súa descendencia. Así o observa Uxía Bolaño nos textos e imaxes publicadas "nun conxunto significativo e relevante de revistas culturais e prensa gráfica galega, publicada tanto na Galiza territorial como na outra Galiza presente en América", así como na prensa de Madrid. Entres as publicacións analizadas está a revista Céltiga, editada en Bos Aires, Eco de Galicia (La Habana), Marineda (A Coruña); Vida Gallega (Vigo) e as madrileñas La Esfera e Blanco y Negro.

Esta mostra de publicacións, explica a investigadora, "permite observar, coñecer, valorar e comparar as representacións construídas e difundidas polos sectores burgueses" de ideoloxías diversas "que tanto nos contextos galegos como nos madrileños, educaban a súa descendencia". Neste contexto, a prensa galega da emigración reflicte neste eido o se papel "chave na sedimentación de tendencias ideolóxicas, movementos políticos e culturais considerados hoxe cruciais no proceso de dinamización do territorio galego e da idea de Galiza como proxecto colectivo". Así, por exemplo, en Céltiga "aparece reiteradamente a idea da infancia como 'semente do porvir galego'", cos "nenos, nenas e adolescentes" como depositarios das "esperanzas de cambios socio-políticos que garantan un futuro mellor".

Uxía Bolaño explica que na prensa da emigración a infancia aparece "como semente do porvir galego" e "esperanza de cambios socio-políticos"

A prensa madrileña, pola súa banda, ten o foco posto nas capitais europeas. "Nas escasas ocasións nas que alude a Galiza, exhibe unha representación que se re-apropia de elementos diferenciais para estereotipalos". Todo, nunha "representación identitaria que conxuga os tópicos de xénero e de clase social", algo no que tamén inciden "os medios da Galiza territorial". Todas as mensaxes, á súa vez, están "atravesadas por ideais cívico-burgueses de urbanidade e consumo", se ben "o seu despunte é maior na prensa madrileña e na galega territorial". O traballo de Uxía Bolaño foi dixirido polo profesor Antón Costa, da USC, e pola profesora María del Mar del Pozo, da Universidade de Alcalá de Henares.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.