A rede xa é a principal fonte de información para o 28% dos internautas

O uso dos smartphones dispárase entre os menores de 35 anos CC-BY-NC-SA mina

O último barómetro do CIS afonda nas percepcións e usos que os cidadáns fan das novas tecnoloxías e de Internet e revela unha utilización cada vez máis doméstica e persoal, sobre todo entre os menores de 35 anos, nos que se impón o acceso por móbil, o comercio electrónico e a consulta de medios dixitais e redes sociais.

Dous de cada tres españois utilizou Internet nos últimos tres meses, unhas porcentaxes que se disparan moi por riba do 90% entre os menores de 35 anos e que chegan ao 83% nas persoas entre 35 e 45 anos. Os internautas, en calquera caso, fan un uso frecuente da rede, pois o 56% recoñece acceder “varias veces ao día” e outro vinte por cento “unha vez ao día”.

O 36% dos internautas conéctase á rede dende os seus teléfonos móbiles, unha porcentaxe que crece até o 61% entre os menores de 25 anos, e que se sitúa no 47% entre aqueles que teñen entre 25 e 35 anos

O uso de Internet xa é doméstico e persoal, pois o 91% afirma conectarse dende a súa casa, e apenas un 35% o fai dende o traballo, e porcentaxes moito menores dende un centro de estudos ou unha biblioteca. Porén, as persoas entre 35 e 55 aínda se conectan en boa medida dende o traballo (45%) e os máis novos, dende as universidades e centros de ensino (40%) Ademais, o 36% dos internautas conéctase á rede dende os seus teléfono móbiles, unha porcentaxe que crece até o 61% entre os menores de 25 anos, e que se sitúa no 47% entre aqueles que teñen entre 25 e 35 anos.

Internet ten moitos usos, iso sabémolo todos. Pero segundo o estudo do CIS, os máis comúns son a consulta e envío de correos electrónicos (75%), a lectura de prensa dixital (62%), a procura de información útil (44%), a participación en redes sociais (43%), a descarga de música e filmes (42%) ou a realización de xestións bancarias (38%). A enquisa tamén recolle a porcentaxe de internautas que recoñece “navegar por Internet sen un obxectivo concreto, é dicir, para procastinar, e que é un 42%. O 27% recoñece que Internet provocou que lle dedicase menos tempo a ver a televisión (sobre todo os menores de 35 anos), e un 12% afirma que agora le menos algo que é máis frecuente entre os menores de 25 anos.

Por suposto, os usos cambian coas idades, agás o do correo electrónico, que é relativamente homoxéneo e universal. Entre os menores de 25 anos destaca o uso das redes sociais (71%) e a descarga de música e filmes (63%), cuxa utilización vai descendendo coa idade. Todo o contrario que a lectura de prensa, que xa é o uso maioritario entre os 25 e 35 anos e que segue medrando até os maiores de 65 anos. 

A rede xa é a "fonte fundamental de información" para o 28% dos internautas, e unha "fonte secundaria pero importante" para outro 46%. É a principal fonte para o 44% dos menores de 25 anos e o 37% dos que teñen entre 25 e 35 anos

En canto aos usos informativos, a rede xa é a "fonte fundamental de información" para o 28% dos internautas, e unha "fonte secundaria pero importante" para outro 46%. Neste caso, Internet é a principal fonte de información para o 44% dos menores de 25 anos e o 37% dos que teñen entre 25 e 35 anos.

O 57% dos internautas realiza transaccións electrónicas a través da rede, principalmente billetes de avión, reservas de hoteis e entradas para espectáculos. E entre os que aínda non practican o comercio electrónico, a razón máis aludida para non facelo é que "non se fían de Internet".

O uso dos smartphones dispárase entre os menores de 35 anos CC-BY-NC-SA mina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.