0 Gardados para despois

Baleira: a segunda gran cova con pinturas rupestres de Galicia?

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A segunda gran cova con pinturas rupestres de Galicia xunto á Cova Eirós? Durante este verán, un veciño da Fonsagrada afeccionado á historia andaba xunto con varios compañeiros á procura de castros no municipio de Baleira. Parou nun bar e ao preguntar faláronlle, en cambio, dunhas pinturas nunha furna que disque eran ben antigas. Alí foi e xa dentro da gruta descubriu uns gravados que todo parece indicar ser rupestres. Pola súa colaboración anterior co colectivo, avisou a Mariña Patrimonio, que coincidiu na sospeita e puxo o achado en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. 

Varios veciños da Fonsagrada na busca de castros atoparon case por casualidade as pinturas nunha cova en Baleira

Manuel Miranda, presidente da asociación, foi un dos que se achegou a ver as pinturas. "Pareceunos que si eran rupestres e que estaban nun bo estado de conversación", conta. Aos poucos días, técnicos de Patrimonio, incluído algún experto en figuras deste tipo, acudiron tamén á cova. Todos coincidiron na máis que probable importancia do achado. 

O descubrimento no municipio de Baleira fíxose público a principios de agosto e levou a que expertos e técnicos da Consellería de Cultura se desprazasen de novo para avaliar a importancia das pinturas. Todo lles fai pensar que estes debuxos na cova supoñen manifestacións artísticas prehistóricas, á espera do ditame definitivo da Dirección Xeral de Patrimonio, que terá que especificar a súa antigüidade e o seu verdadeiro valor arqueolóxico. 

As primeiras avaliacións de expertos, á espera do ditame de Patrimonio, indican que se trata de importantes pinturas rupestres

Que estea localizado o lugar xa, no entanto, non é o máis aconsellable. Advírteo Miranda e advertiuno a Xunta, pero un dos tres excursionistas que deu coas pinturas nun principio avisou tamén ao servizo do Seprona da Garda Civil, que se puxo en contacto con Patrimonio en Lugo e acabou filtrando a información. "Sempre é mellor que non se divulgue o lugar exacto para evitar que poida ir xente e danar unhas pinturas que son tan sensibles", lembra o presidente de Mariña Patrimonio. 

Foto de Mariña Patrimonio.

Pinturas rupestres achadas na cova de Baleira / © Mariña Patrimonio

Así, a Consellería de Cultura xa comezou cos trámites para contactar cos propietarios dos montes da zona para poder selar a cova axiña e evitar que o achado poida ser danada nestes días. Esta rápida reacción da Xunta é, segundo Miranda, "case unha proba definitiva" de que as pinturas teñen un importante valor arqueolóxico, á espera dun ditame oficial que aínda non foi difundido. 

A Consellería de Cultura comezou xa cos trámites para protexer a cova e evitar que as pinturas sexan danadas

Segundo diferentes expertos, estas pinturas esquemáticas e entre encarnadas e roxas poderían ter entre 4.000 e 5.000 anos de antigüidade. Serían, polo tanto, posteriores ás da Cova Eirós, que cos seus 9.000 anos con as máis antigas de Galicia. Serían, xa que logo, da época calcolítica e semellantes a outras presentes no Bierzo, Portugal e Asturias. En territorio asturiano, a tan só 50 quilómetros en liña recta desta cova de Baleira, atópase a Cova del Demo, que conta cuns debuxos moi semellantes aos agora achados na provincia de Lugo. 

As pinturas poderían ter entre 4.000 e 5.000 anos de antigüidade e pertencerían á época calcolítica

A cova de Baleira, de 22 metros de fondo e basicamente de cuarcita, queda agora a expensas das futuras actuacións que leve a cabo a Administración para protexer unhas pinturas cuxa importancia semella evidente para o patrimonio galego. Serían únicas no país da época calcolítica e as segundas rupestres aparecidas en covas tras as de Eirós. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.