Enxeñeiros de Apple, Google ou Intel cítanse na Coruña

Imaxe da edición 2016 do Web Engines Hackfest Dominio Público Igalia

Do 2 ao 4 de outubro celebrarase na Coruña a novena edición do Web Engines Hackfest, un evento que dende o ano 2009 reúne enxeñeiros informáticos dalgunhas das empresas máis destacadas do mundo co obxectivo de discutir o estado actual da tecnoloxía, os problemas nos que se está a traballar, novidades e ideas para o futuro. Aínda que hai eventos moito máis grandes específicos para navegadores concretos (Safari ou Chrome), este é tal vez o meirande dos enfocados á cooperación entre distintos navegadores.

Entre os participantes desta edición están enxeñeiros de Apple, ARM, Centricular, Collabora, Continental, CoSMo Software, Endless, Google, Intel, LG, Mozilla, Red Hat, Samsung, SoftAtHome e Sony, ademais da propia Igalia, que organiza o evento. A compañía coruñesa de software libre celebrou o pasado ano o seu 15º aniversario, e conta xa con 60 traballadores -a maioría socios-, mantendo o seu crecemento, con clientes nos Estados Unidos, Europa e Asia.

O Hackfest, con participación exclusiva a través de convite, desenvólvese a través da distribución dos asistentes en pequenos grupos nos que se poden propoñer distintos temas para o seu debate. Entre os asuntos suxeridos para a presente edición están WebKitGTK+ e WPE, Chromium (Servicification e Mus/Ozone/Wayland), JavaScript (V8, JSC e SpiderMonkey), Web Predictability e Web Compatibility, Multimedia, WebRTC, Layout, MathML, gráficos, fontes, accesibilidade, WebVR, Servo e Epiphany. Neste enlace poden ver algunhas das charlas da edición 2016.

 

Outra das sesións do Hackfest Dominio Público Igalia
Outra das sesións do Hackfest Dominio Público Igalia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.