As empresas galegas multiplicaron por catro o uso do software libre desde 2007

Imaxe da edición 2016 de LibreCon © LibreCon

O 86,8% das empresas galegas de dez ou máis traballadores empregan programas de software libre, fronte ao 22,7% que o facía hai unha década, segundo datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia analizados por LibreCon, o encontro empresarial open source que terá lugar en Compostela o 19 e 20 de outubro. Nas empresas de menor tamaño, o 49,8% usa tecnoloxías abertas. En xeral, Galicia sitúase como a novena comunidade autónoma con maior proporción de software libre nas empresas, por diante de autonomías como Cataluña (85,5%), Madrid (84,7%) e País Vasco (82,2%). no uso deste software.

Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), destaca que o software libre é “unha oportunidade única” para a economía de Galicia, xa que “o software privativo impórtase, non é adaptable e xeralmente non achega nada especial, mentres que o software libre pode ser mellorado e, ademais, esas melloras pódense vender e mesmo exportar a calquera parte do mundo”.

O software libre é “unha oportunidade única” para a economía de Galicia, xa que “o software privativo impórtase, non é adaptable e xeralmente non achega nada especial", destaca Agasol

Agasol salienta que "o impacto positivo que proporcionan e o aforro que facilitan (máis de medio billón de euros anuais na Unión Europea)" fan das tecnoloxías libres "unha tendencia á alza". Outra vantaxe que proporcionan "é de carácter cultural e social, xa que o código aberto destas tecnoloxías permite modificacións made in Galicia para adaptarse á realidade bilingüe da nosa comunidade", subliñan dende a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.

Agasol tamén destaca a "aposta" que polo software libre vén facendo o sector público. Así, o 82,6% dos concellos galegos utilizan software libre, cun aumento do 3,1% respecto ao ano anterior, fronte ao crecemento cero (+0,1%) dos privativos, segundo os datos de Osimga. Esa porcentaxe elévase ao 100% nos municipios de máis de 20.000 habitantes. Desde 2007 o uso das tecnoloxías libres case que se duplicou nos concellos galegos, desde o 49% ata o 82,6% actual.

 

LibreCon en Compostela, 19 e 20 de outubro

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre organiza a edición 2017 de LibreCon, unha das grandes citas continentais das tecnoloxías libres, e que se celebrará en Compostela os vindeiros 19 e 20 de outubro. Este ano o evento céntrase no uso das tecnoloxías libres nos sectores Industrial e Primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías en campos como o cloud computing, a análise de Big Data e o Internet das Cousas (IoT). Ademais, haberá un espazo dedicado á Economía Colaborativa.

LibreCon 2017 deu a coñecer xa o seu programa completo, no que destacan as intervencións de Yaiza Rubio Viñuela, Antonio Lafuente e Juan (Obijuan) González Gómez. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre "muller e Software Libre" e un hackathon para desenvolver proxectos libres nos sectores Primario e Industrial. 

 

Imaxe da edición 2016 de LibreCon © LibreCon
Imaxe da edición 2016 de LibreCon © LibreCon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.