50 hackers crearán en LibreCon prototipos con tecnoloxía libre para o sector primario e industrial

Nuno Troitiño, creador de Appybee Dominio Público Praza Pública

A sétima edición da LibreCon celebrarase os días 19 e 20 de outubro na Cidade da Cultura. Dentro da súa programación destaca o denominado Librehack, unha sesión de traballo na que medio cento de hackers crearán -en tempo real e durante 11 horas- prototipos con tecnoloxía libre cos que mellorar a Industria 4.0 e o sector primario. Os proxectos deberán encaixarse nalgunha das seguintes catro categorías: cloud, big data, Internet das cousas (IoT nas súas siglas en inglés) e a economía colaborativa. Os propios organizadores do LibreCon 2017 non descartan que, froito deste traballo de creación colectiva, poida nacer algunha nova startup.

Medio cento de hackers crearán -en tempo real e durante 11 horas- prototipos con tecnoloxía libre cos que mellorar a Industria 4.0 e o sector primario

En LibreCon participarán centos de empresas e expertos. Unha das últimas incorporacións ao programa é a do galego Nuno Troitiño -programador e apicultor 2.0- que presentará a aplicación Appybee, unha innovación capaz de detectar e controlar pragas que afectan ás colmeas de abellas, como a da avispa velutina. Ata o momento, este sistema xa logrou conter a mortalidade dos enxames e aumentar a súa produción nun 17%. O software libre está a demostrar que é unha ferramenta moi útil non só para a Industria 4.0, senón tamén para o sector primario. Ademais de Appybee, LibreCon 2017 tamén reunirá outros proxectos que poñen a tecnoloxía ao servizo do sector agroalimentario, como é o caso de Fair Fishery from Galicia, Galirema, CodeSyntax e IG4 Agricultura.

Nuno Troitiño -programador e apicultor 2.0- presentará a aplicación Appybee, unha innovación capaz de detectar e controlar pragas que afectan ás colmeas de abellas, como a da avespa velutina

Outra novidade no programa do LibreCon é a presentación que fará o xigante informático IBM do seu sistema de software libre Qiskit, que serve para desenvolver computación cuántica, un tema de moda no sector da informática e que seduce a entidades como a NASA, a CIA ou empresas da talla de Google e Lockheed Martin. Un dos grandes atractivos da computación cuántica débese ao feito de que o seu uso podería supoñer grandes avances tecnolóxicos e económicos como, por exemplo, a maior eficiencia na fabricación de fertilizantes, que actualmente demanda entre o 1% e 2% de toda a enerxía consumida pola humanidade.

Entre as charlas de expertos destaca a participación de Antonio Fernandes, tecnólogo vigués e perito xudicial pola Asociación Nacional de Peritos Xudiciais Informáticos (ANTPJI) e a Asociación Mediterránea de Peritos Informáticos das TIC (ASPERTIC). Recentemente fichou como un dos especialistas da Axencia Europea de Seguridade das Redes e da Información (Enisa), co obxectivo de asesorar á entidade europea en estratexias para frear os cada vez máis frecuentes ciberataques que afectan a organismos públicos e empresas privadas. No acto de inauguración deste importante evento participará o director de Economía Dixital de Red.es, Alejandro Tosina, quen poñerá en valor o software libre como un instrumento eficaz para implantar as TIC nas pequenas e medianas empresas co obxectivo de impulsar o seu crecemento e internacionalización.

 

Nuno Troitiño, creador de Appybee Dominio Público Praza Pública
Imaxe da edición 2016 de LibreCon © LibreCon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.