0 Gardados para despois

"A aplicación das tecnoloxías abertas está sendo xa moi importante no sector primario"

Redacción | @prazapublica

Este xoves comezou en Compostela a sétima edición do encontro LibreCon, no que participan 350 expertos e 200 empresas. Este ano o evento céntrase no uso das tecnoloxías libres nos sectores Industrial e Primario, ademais de na economía colaborativa. Para o sector empresarial en xeral as tecnoloxías libres son unha alternativa rendible que proporciona unha oportunidade de negocio aberta. Estase a crear o concepto de Industria 4.0, como concepto da fábrica intelixente con todos os procesos interconectados pola Internet das Cousas (IoT). De igual xeito, o sector primario está a vivir unha revolución utilizando os estándares abertos e o Big Data, liderados por solucións Open Source, que melloran a eficiencia dos procesos produtivos.

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) é un dos organizadores do evento. O seu presidente, Carlos Rodríguez, destaca a importancia da modernización tecnolóxica para o futuro do sector primario. "En Galicia o sector primario é estratéxico e a aplicación destas tecnoloxías abertas está sendo xa moi importante na produción de viño de Rías Baixas, no sector lácteo ou na apicultura, como vimos este xoves na presentación de Nuno Troitiño e o seu Appybee", destaca Rodríguez en conversa con Praza. Destaca especialmente a aplicación que xa está habendo na gandería: "estes sistemas permiten controlar o estado de saúde das vacas, o seu nivel de estrés, en función dos seus movementos, da súa temperatura ou das súas pulsacións. Pódense por exemplo previr os celos para facilitar a súa inseminación".

“A nosa gandeiría debe darse présa en desenvolver tecnoloxía propia nos 3 anos que quedan para que finalicen as axudas europeas, e así evitar recurrir a provedores globais”

Rodríguez indicou ademais que “a nosa gandeiría debe darse présa en desenvolver tecnoloxía propia nos 3 anos que quedan para que finalicen as axudas europeas, e así evitar recurrir a provedores globais”. Con todo, aínda hai moito camiño que percorrer para que este tipo de tecnoloxías sexan de uso común en Galicia, sinala. "Hai moita tecnoloxía que está xa dispoñible, pero normalmente quen está dando os primeiros pasos son grandes empresas, algunha cooperativa... O uso de Big Data ou a Internet das Cousas implica contar cunha certa infraestrutura para a recollida de datos e para o seu tratamento", destaca. 

Está aberta igualmente a súa posible utilización para previr os incendios forestais ou axudar ao seu control. O presidente de AGASOL explica, con todo, que "as solucións tecnolóxicas xa están aí, o que pasa é que colocar un sensor en cada árbore é caro". "De igual xeito, facer voos con dispositivos non tripulados non é sinxelo e ten unha duración limitada. Ou pódese coller información de satélite. Pero ningunha destas solucións son baratas", di.

 

Galicia no centro da innovación

Esta é xa a sétima edición da LibreCon, que dá continuidade a outro evento xa histórico como foi a Open Source World Conference. O obxectivo é amosar as posibilidades de aplicación das tecnoloxías abertas. "Xurdiu da necesidade de darlle visibilidade ás tecnoloxías abertas, que si estaban sendo empregadas en moitos sectores, pero que en moitos casos non se publicitaban", comenta Rodríguez, que destaca as enormes posibilidades abertas ao abeiro da chamada Industria 4.0, desenvolvida con software libre. "Calquera empresa que estea empregando tecnoloxías smart, Internet of Things, big data..., ten que empregar desenvolvementos con base en software libre, aínda que despois poida pechar unha parte de código nalgún produto determinado, pero a base é sempre software libre", di.

"O software libre facilita ferramentas para poder ter unha solución adaptada ao cliente local e mesmo exportala"

O presidente de AGASOL salienta igualmente as opcións que as tecnoloxías abertas ofrecen para o desenvolvemento empresarial dende Galicia: "Os proxectos construídos con código aberto poden ser desenvolvidos dende calquera lugar do mundo, calquera pode facer unha achega. E ademais de achegar cousas, recibes: ti podes recoller un desenvolvemento no que está traballando moita xente e adaptalo e traducilo, xerando emprego a nivel local. É moi diferente que mercarlle unha licenza a unha gran multinacional, non tes soporte de ningún tipo, a empresa pode facer modificacións cando lle dea a gana". "O software libre facilita ferramentas para poder ter unha solución adaptada ao cliente local e mesmo exportala", engade. "Unha parte importante das empresas que están an AGASOL está exportando os seus produtos, tanto a Europa, coma Estados Unidos, coma Latinoamérica. E estas empresas son un referente: están facéndoo moi ben", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.