0 Gardados para despois

As Compostelas de todas as épocas, nunha soa web

Redacción | @prazapublica

Dende esta semana pódese consultar o novo Xeoportal do Concello de Santiago, unha ferramenta que busca facer accesible para toda a cidadanía a información xeográfica relativa do municipio: mapas de todo tipo, planos correspondentes ao planeamento e ao catastro, cartografía de distintas épocas e tamén ortofotos e imaxes aéreas tomadas en varios anos distintas. A maior parte destes materiais pódense, ademais, descargar en alta resolución.

Un dos elementos máis interesantes no portal web é un visor que facilita a consulta comparada de dous planos ou imaxes ao tempo, superpostas e desprazables a través dunha aplicación de cortina. Pódese comprobar deste xeito a cualificación urbanística dunha finca determinada ou observar con detalle a evolución urbanística dalgunhas zonas da cidade nos últimos anos.

O visor xeral permite acceder a un mapa base do Concello de Santiago, no que se poden activar distintas capas de información. "A través do visor institucións, profesionais e cidadanía en xeral poderán coñecer en detalle cuestións como cal é a cualificación urbanística dunha finca determinada, cal é a administración titular dun viario ou cal é a área de influencia de cada colexio da cidade", destacou na presentación do portal Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade.

No apartado de planeamento urbanístico pódese acceder á plataforma de urbanismo en rede, a documentos históricos de planeamento, e mesmo aos documentos que están en tramitación. Tamén é posible revisar un mapa escolar para comprobar cales son os centros de referencia por rúas; un apartado sobre titularidade da rede viaria; ou un localizador das redes de servizo, no que de momento figuran auga e saneamento e que proximamente se completará con información da rede de alumeado. Outra das capas amosa a localización da rede de transporte e das distintas redes de servizos, ou mesmo do mobiliario urbano.

Finalmente, na sección de cartografía pódense visualizar seis planos históricos de todo o termo municipal, descargables en alta resolución. Entre eles hai un de 1783 e outro de 1796 (gravado de López Freire). Un terceiro data dos anos 1907 e 1908 e dous máis, moi detallados, amosa como era Compostela en 1968. O derradeiro corresponde ao ano 1984

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.