0 Gardados para despois

Pontevedra, Ourense e Lugo bateron en outubro a marca de temperatura máis alta neste mes

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Esta calor non é normal", dixemos moitos e moitas varios días do mes de outubro. E abofé que os valores térmicos estaban lonxe dos rexistros habituais. Meteogalicia vén de publicar o seu informe climatolóxico correspondente ao pasado mes, que destaca por dous aspectos: foi un mes moi seco e foi un mes extraordinariamente cálido.

Chama a atención, sobre todo, o comportamento das temperaturas máximas, cuxa media no conxunto de Galicia se situou nos 22.7 graos, 4.7 por riba da media do período 1981-2010. No Ribeiro e O Carballiño a media das máximas achegouse aos 29 graos, pero no resto do país -nomeadamente no centro e no sur- os valores foron moi elevados igualmente. 

As cidades de Lugo, Ourense e Pontevedra rexistraron, de feito, as súas temperaturas máximas máis altas nun mes de outubro dende o ano 1981, tanto no que respecta ás máximas totais coma á media mensual. O 15 foi o día máis caloroso neste mes nos últimos 40 anos en Lugo (31.8 graos) e Pontevedra (32.7); e Ourense igualou o día 2 o seu récord (34.3 graos). Compostela bateu tamén a súa marca de máxima mensual media e a Coruña ficou moi preto. 10 dos últimos 13 anos o mes de outubro rexistrou temperaturas superiores á media dos rexistros históricos, confirmando unha situación de outonos cada vez máis cálidos e de extensión dos días de verán máis aló de setembro.

10 dos últimos 13 anos o mes de outubro rexistrou temperaturas superiores á media, confirmando a extensión dos días de verán máis aló de setembro

En canto ás precipitacións, apenas houbo entre 3 e 6 días de chuvia (concentrados principalmente trala chegada do Ofelia, entre o 16 e o 21 de outubro), cando habitualmente superan os 10. A media da chuvia caída nas distintas comarcas de Galicia foi apenas de 36 litros por metro cadrado ao longo de todo o mes, un 79% menos que no período de referencia 1981-2010.

 

Un 2017 cálido e seco

No último ano, 9 dos 12 meses rexistraron precicipitacións por debaixo dos valores habituais nas últimas décadas, unha situación que foi especialmente rechamante no pasado inverno (decembro e xaneiro, principalmente) e no que levamos de outono, cun setembro e outubro nos que practicamente non choveu. 2017 apunta a ser un ano seco e, igualmente, con temperaturas medias por riba do normal. No que levamos de ano, 8 dos 10 meses tiveron valores térmicos por riba da media das últimas décadas, especialmente na pasada primavera e neste mes de outubro.

Mes Anomalía das temperaturas Anomalía nas precipitacións
Nov 16 -0.56 ºC -14%
Dec 16 +1.0 ºC -78%
Xaneiro -0.7 ºC -62%
Febreiro +1.3 ºC +62%
Marzo +0.62 ºC +19%
Abril +2.27 ºC -83%
Maio +2.56 ºC +24%
Xuño +1.61 ºC -17%
Xullo +0.62 ºC -42%
Agosto +0.41 ºC -20%
Setembro -0.98ºC -67%
Outubro +2.43ºC -79%

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.