O Goberno central pídelle á USC que anule unha convocatoria de 16 prazas de profesor

Reitorado da USC © USC

O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas anuncia que interporá un recurso contencioso-administrativo contra unha convocatoria de 16 prazas de profesor titular realizada pola Universidade de Santiago hai unhas semanas e publicada no BOE do 25 de xuño. O Ministerio, que lle pide á USC que anule a convocatoria, baséase no Real Decreto-lei 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes, que prohibía a incorporación de novo persoal ás administracións públicas, agás en casos excepcionais. Polo de agora a USC está a está a realizar as consultas xurídicas pertinentes para de valorar as consecuencias do requerimento.

A convocatoria de prazas da USC, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematará nos próximos días, consta de 16 concursos nas áreas de Economía Financiera, Edafoloxía, Electrónica, Enxeñaría Química, Estatística, Filoloxía Galega, Física Aplicada, Física Teórica, Historia da Arte, Música, Historia Moderna, Microbioloxía e Nutrición.

A USC está a está a realizar as consultas xurídicas pertinentes para de valorar as consecuencias do requerimento

Os orzamentos xerais do Estado prevén que se poida cubrir unha taxa de reposición (en función de xubilacións e outras causas) do dez por cento. O Ministerio remitiulle á USC unha análise das prazas que quedaron vacantes este ano e unha enumeración das convocatorias xa realizadas e asegura que a presente convocatoria "supera amplamente a taxa do dez por cento, polo que resultaría contraria á normativa orzamentaria". Dálle un mes de marxe para retirala, ou doutro xeito advirte de que presentará o citado recurso.

En concreto, o Ministerio asegura que no ano 2011 houbo 25 baixas na USC (27 xubilacións e un falecemento, pero tres reingresos), polo que a Universidade de Santiago tería dereito a tres incorporacións. Porén, advirte no escrito remitido ao reitor da USC que en marzo se realizou unha convocatoria para incorporar sete catedráticos e que en calquera caso esta nova convocatoria superaría amplamente as tres novas prazas posibles.

Reitorado da USC © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.