'A Máquina do Tempo', realidade virtual para descubrir pezas históricas do patrimonio galego

Capturas d'A máquina do tempo, do CCG © Consello da Cultura Galega

Co gallo da celebración do Día do Patrimonio Mundial, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentará este venres en rolda de prensa A Máquina do Tempo, unha app gratuíta, dispoñible para as principais plataformas móbiles que "pon en valor o patrimonio moble de Galicia dun xeito innovador".

Na presentación participarán o presidente do CCG, Ramón Villares e Manuel Gago, responsable da aplicación, que combina dúas tecnoloxías emerxentes: a realidade aumentada e a realidade virtual. A realidade virtual permítelle ao usuario explorar a través do seu teléfono e en calquera lugar importantes pezas custodiadas nas institucións de memoria de Galicia. A realidade virtual, a través dunhas gafas especiais, permítelle simular unha viaxe no tempo ata a época na que eses obxectos eran empregados, experimentando espazos, persoas e sons do momento.

A app ofrece a posibilidade de explorar cinco obxectos de cinco períodos históricos distintos, custodiados en diferentes centros de memoria de Galicia. O vaso campaniforme de Vilavella (Universidade de Santiago de Compostela) lévanos á Prehistoria; o bronce votivo (Museo de Pontevedra) introdúcenos no mundo da relixiosidade da Idade do Ferro; o báculo e o anel do bispo Gonzalo (San Martiño de Mondoñedo) permítenos recrear unha coñecida lenda medieval que relata como este bispo destruíu unha armada pirata; a Virxe Abrideira de Allariz (Museo de Santa Clara de Allariz) trasládanos ao mundo das Cantigas de Santa María e o cartafol de documentos lévanos á Galicia da Ilustración, onde seguimos Vicente Álvarez de Neira polos sotos do Arquivo do Reino de Galicia na procura dun curioso documento.

Un complexo traballo de produción

O desenvolvemento da app A Máquina do Tempo, segundo explica o CCG, levou máis dun ano e involucrou un equipo de máis de vinte persoas de diferentes ámbitos, desde especialistas en diferentes periodos históricos ata programadores, deseñadores, dixitalizadores de patrimonio ou dobradores.

A aplicación ofrece a posibilidade de explorar cinco obxectos de cinco períodos históricos distintos, custodiados en diferentes centros de memoria de Galicia

A recreación de todas as épocas seguiu un "coidadoso proceso de documentación e de recreación", e durante as vindeiras semanas desde o CCG iranse explicando en reportaxes como foi construída a ambientación de cada unha das épocas.

Ademais, o Consello da Cultura Galega aclara que está a desenvolver esta "potente ferramenta no ámbito educativo", onde considera que pode ter un gran potencial para conectar aos estudantes coa cultura e a Historia de Galicia. Iniciouse un programa experimental con profesores de ensino secundario de Galicia de diferentes áreas e ámbitos (rural e urbano, norte e sur de Galicia) para implicar aos rapaces e rapazas no uso da Máquina do Tempo e na creación de novos contidos, fomentado a súa participación no futuro da app.

© CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.