0 Gardados para despois

Un salvavidas de golfiños varados inventado por estudantes de Vigo obtén o premio Galiciencia 2017

Redacción | @prazapublica

Un dispositivo salvavidas de golfiños varados deseñado por estudantes vigueses é o gañador absoluto de Galiciencia 2017. O sistema desenvolvido por Carlos Fole, Jaime Alonso, Miguel Herranz e Mateo Martínez do Colexio Montecastelo de Vigo foi o mellor valorado polo xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con mil euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2018, en Barcelona. Durante os tres días que Ourense acolleu Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de dous mil visitantes.

No certame participaron 50 proxectos e por el pasaron máis de dous mil visitantes

O dispositivo merecedor do máximo galardón ten como principal obxectivo minimizar o varamento de delfíns nas costas galegas, pero tamén permite facer un seguimento dos exemplares que transitan polo noso litoral e rexistrar así as súas rutas máis habituais. Os alumnos, que bautizaron o seu invento co nome de SISEDE (Sistema de Seguimento de Delfíns), programaron un hidrófono para somerxelo no mar de maneira que, mediante a captación do son que emiten os golfiños, permita seguilos e emitir alertas á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e ao 112 cando se detecte que entran en zonas de perigo de varamento.

Un líquido contra a corrosión e un estudo sobre a diversidade de bolboretas obteñen o segundo e o terceiro posto

O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga de Galiciencia, correspondeulle ao estudo de Martín Ansia e Miguel Rodríguez, das Aulas Tecnópole, sobre os metais de sacrificio, utilizados para protexer contra a corrosión as estruturas metálicas ao aire libre, como os bancos dos parques. O equipo cubriu 18 placas de ferro con tres metais de sacrificio (magnesio, aluminio e cobre) e recubriunas cun ácido de PH alto. Co paso dos días descubriron que o que mellor protexe é o magnesio. A partir del, crearon un líquido protector que puxeron a proba con éxito sobre pezas do mobiliario urbano de Ourense, coa vantaxe engadida de que é máis económico que os que se poden atopar no mercado.

En terceiro lugar quedaron Arnau Visuña e Adrián Aira, do CPI Poeta Uxío Novoneyra, de Seoane do Courel, que se propuxeron coñecer a poboación de bolboretas na aldea de Froxán, comparando a súa biodiversidade en dous hábitats diferentes concluíndo que a biodiversidade é lixeiramente maior no bosque que nos campazos. O equipo recibiu 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Tamén houbo mencións especiais para unha radiografía dun cigarro, un invernadoiro con autorrego de auga de mar e un proxecto de modificación xenética dun fungo

No certame tamén se entregaron mencións especiais por categorías. A radiografía dun cigarro de Ángela Reboredo e Andrea García, do IES Aller Ulloa de Lalín, foi recoñecida como o proxecto cunha mellor presentación e comunicación oral. Como proxecto máis innovador, foi premiado o invernadoiro con autorrego de auga de mar, de Laura Costas e Inés Castro do Colexio Alborada de Vigo. E o proxecto de modificación xenética dun fungo desenvolvido por Carlos Casquero e Santiago Janeiro, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio foi distinguido polo método científico e proceso de investigación mellor definido.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.