0 Gardados para despois

"No inicio da Internet galega había moitas webs de particulares, as institucións tardaron en incorporarse"

Redacción | @prazapublica

Henrique Neira Pereira publicou o pasado ano Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía, un volume editado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática, que recolle con detalle o desenvolvemento das TIC nos últimos dous séculos. A obra, que tamén foi presentada na última edición do Culturgal, percorre os fitos e persoeiros máis destacados neste camiño que vai dende as máquinas calculadoras de finais do século XIX ata os nosos smartphones, dende as redes de telegrafía ata as actuais conexións de banda larga ou de 5G. Falamos con el.

Que desenvolvemento vai ter o libro? En que fase está a wiki de consulta dos seus contidos que estabades preparando?

Parte do contido do libro xa está en formato wiki e esta atópase en período de probas, estanse a corrixir pequenos detalles. A idea é que poidamos ampliar o contido da edición en papel e continuar publicando contidos novos con todo o que sucede a partir de 2015 e que tamén calquera persoa que dispoña de datos ou fotografías sobre calquera época que poidan ser de interese dispoñan dun formulario para enviar ese material.

"Como a informática é relativamente nova, é posible que moita xente non vexa aínda a necesidade de estudos sobre a súa historia. En moitas institucións e empresas están a prescindir de computadores obsoletos sen conservar ningún de mostra"

As novas tecnoloxías (que xa non son tan novas) definen a nosa sociedade. Cres que falta investigación e relato sobre o desenvolvemento do sector, sobre o camiño que nos trouxo aquí, sobre todo a nivel galego?

A idea de elaborar esta cronoloxía era precisamente dispoñer dunha guía que nos permitise coñecer datos concretos sobre todos os períodos de interese, e a partir de aí que calquera persoa interesada puidera investigar en profundidade sobre calquera tema dos recollidos no libro. Como a informática é relativamente nova, é posible que moita xente non vexa aínda a necesidade de estudos sobre a súa historia, e ademais dáse o caso de que en moitas institucións e empresas están a prescindir de computadores obsoletos sen conservar ningún de mostra, o que vai dificultar no futuro dispoñer de material se se quixese poñer en marcha unha colección permanente ou un museo galego dedicado á tecnoloxía.

Antes dos ordenadores modernos houbo máquinas calculadoras, antes da programación houbo avances no cálculo, antes do 4G houbo unha rede de telegrafía, como ben recolles no libro. Cómpre prestar máis atención a ese desenvolvemento tecnolóxico e de coñecemento que marcou xa o século XIX en Galicia?

O feito de que cada vez teñamos máis prensa galega dixitalizada en Galiciana e noutras bibliotecas vainos permitir coñecer mellor o que sucedía en Galicia no século XIX. A min resultoume moi interesante investigar sobre todo o referente á numeración e o cálculo antes da chegada dos primeiros computadores. Un dos retos era coñecer como eran denominadas as máquinas de cálculo en cada época, pois desde finais do século XIX había unha chea de inventos cada década e moitos deles quedaban desfasados rapidamente, pero tiveran unha certa importancia e o seu momento de sona.

"No curso 1962-1963 comeza a usarse na USC o primeiro computador analóxico; en 1988 chega á universidade o primeiro supercomputador, un Convex C 120"

Analizada a historia da informática en Galicia, sobre todo no último medio século, que papel ocuparía no Estado e no mundo? Chegamos tarde aos movementos e avances? Ou pola contra en Galicia houbo proxectos e avances dos que debemos estar orgullosos? En que se debería incidir?

Coido que hai moitas persoas, institucións e empresas galegas que están sempre na vangarda, coñecen e empregan a tecnoloxía máis recente. Pensemos que hai uns anos o FinisTerrae foi o supercomputador número 100 do mundo considerando a súa potencia. Por outra banda, gustaríame por exemplo unha maior velocidade na dixitalización de libros e prensa, xa que facilitan moitísimo a investigación histórica, posto que aforran desprazamentos e empregando os sistemas de busca podemos localizar información sobre todo tipo de temas que nin sospeitabamos que existía.

Se tiveses que explicarlle a unha persoa a historia da informática en tres momentos (ou tres personaxes), cales escollerías?

Tres momentos clave son: a Segunda Guerra Mundial, período no que aparecen os grandes sistemas de cálculo como ferramenta crucial dentro de toda a tecnoloxía empregada na época; a xeneralización dos computadores persoais a partir de 1981 coa aparición do IBM PC e a xeneralización do uso dos teléfonos intelixentes, que teñen hoxe moitísima máis potencia de cálculo que os computadores que se usaban na época das misións espaciais que levaron persoas á Lúa.

E en Galicia? Que fitos ou persoas destacarías?

Poderiamos sinalar por exemplo o curso 1962-1963, cando comeza a usarse na Universidade de Santiago de Compostela o primeiro computador analóxico; 1988, cando chega á USC o primeiro supercomputador, un Convex C 120, e 1993, cando bota a andar o Centro de Supercomputación de Galicia, desde o cal se establece unha conexión permanente coa rede Internet, descoñecida daquela para a maioría da poboación.

"Existe un gran número de empresas galegas de tamaño pequeno e mediano que traballan fundamentalmente con clientela no exterior, e que precisamente por iso son bastante descoñecidas para nós"

Hoxe en día empresas galegas do sector da TIC compiten nos mercados internacionais, ofrecendo os seus produtos de maneira global. No sector das novas tecnoloxías Galicia ten un espazo de crecemento aínda non de todo explorado?

Existe un gran número de empresas galegas de tamaño pequeno e mediano que traballan fundamentalmente con clientela no exterior, e que precisamente por traballar máis para fóra que para clientela galega seguramente son bastante descoñecidas para nós, pero o certo é que empregan tecnoloxía punta e desenvolven software e servizos para grandes firmas e institucións, mesmo para a axencia espacial estadounidense, a NASA. O mercado agora é global e as empresas tecnolóxicas teñen aí moitas oportunidades, seguramente hai moitas por explorar.

"Nos 90 navegar pola Internet era bastante lento polas tecnoloxías dispoñibles e a escasa capacidade da rede. Para poder ver unha web ás veces había que botar minutos agardando, cando hoxe xa nos desesperamos se tarda máis de dous segundos"

No ano 1999 publicaches con Darío Janeiro aquel directorio de 2000 ligazóns (hoxe sería impensable indexar a web deste xeito). Como eran (sobre todo para explicarllo a quen non o coñeceu) aqueles primeiros anos da Internet?

Si, Darío Janeiro e mais eu elaboramos para O Correo Galego o directorio 2.000 ligazóns, no que achegabamos nun pequeno libro unha listaxe de 1.000 webs galegas e 1.000 do resto do mundo que puideran ter interese para nós. Pedro de la Iglesia e Fran Domínguez prepararon a versión dixital para as webs de O Correo Galego e El Correo Gallego, na que engadimos un formulario para que calquera persoa nos puidese propoñer novas webs a incluír. E efectivamente, en cuestión de meses chegamos a dispoñer de case 400 webs máis. Nestes primeiros anos da Internet galega había moitas webs creadas por particulares sobre todo tipo de temas, mentres as institucións tardaron bastantes anos en incorporarse a este novo eido dixital, e frecuentemente cando o facían era cunha presenza bastante pobre. Hai que lembrar que na década de 1990 navegar pola Internet era bastante lento polas tecnoloxías dispoñibles e a escasa capacidade da rede. Para poder ver unha web ás veces había que botar minutos agardando, cando hoxe xa nos desesperamos se tarda máis de dous segundos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.