A Coruña presenta as 'Guías de Ciencia Cidadá' para "afondar no coñecemento dos bens comúns"

Presentación da Guías de Ciencia Cidadá, este mércores © Concello da Coruña

Esta semana presentáronse na Coruña as Guías de Ciencia Cidadá, un proxecto que busca "achegar coñecemento e información sobre os bens comúns á cidadanía en xeral" e "nomeadamente á xente moza". A proposta, apoiada polo Concello da Coruña a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, do Medialab-Prado de Madrid, e o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, está coordinada por Antonio Lafuente, investigador do CSIC e Director do Laboratorio do Procomún de Medialab-Prado. O obxectivo final é que a cidadanía poida profundar, dialogar e aprender máis sobre estes bens comúns, aqueles recursos de calquera persoa que non son de propiedade exclusiva de ninguén, e ser así quen de reclamar e defender estes dereitos.

O proxecto trata temas como a paz, a mobilidade urbana, os bosques, os espazos de pesca, a paisaxe, as infraestruturas, a costa, o barrio e o aire, co obxectivo de seren traballados por mozas e mozos de entre 12 e 16 anos nas aulas e noutros espazos de formación, xunto ao seu profesorado, familias ou colectivos de aprendizaxe. As guías, que se poden descargar neste enlace, están rexistradas baixo licencia Creative Commons, polo que se poden difundir e compartir libremente, unicamente citando a autoría das mesmas. Dirixidas principalmente a estudantes de bacharelato, impulsan a posta en marcha de proxectos de investigación nos que serán acompañados (pero non dirixidos) polos seus profesores.

“O goberno municipal da Coruña ten unha preocupación constante desde o primeiro día por facer políticas transversais para a xente moza e colocala no centro das súas políticas públicas”, explicou Claudia Delso, concelleira de Participación e Innovación Democrática. “Agora abrimos unha nova liña de traballo poñendo á disposición das persoas educadoras e familias estes recursos, pero a idea é desenvolver e organizar ao longo deste ano distintos talleres específicos vinculados ás guias da man dos Museos Científicos Coruñeses”, engadiu.

Na presentación, que tivo lugar este mércores, participou o propio Antonio Lafuente, e tamén Duarte Vidal (investigador no Centro Tecnolóxico do Mar, CETMAR-Galicia), Manuel Borobio (USC) e Francisco Castillo (USC), autores de dúas das guías, relativas á pesca e á costa.

 

Presentación da Guías de Ciencia Cidadá, este mércores © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.