0 Gardados para despois

PuntoGal e RAG lanzan unha oferta de dominios a 15 euros cun concurso de microrrelatos

Redacción | @prazapublica

Durante o mes de febreiro poderanse rexistrar dominios .gal a un prezo máximo de 15 euros por dous anos. É a nova promoción que este martes presentaron conxuntamente a Asociación PuntoGal e a Real Academia Galega. As dúas entidades buscan a través desta campaña incrementar a presenza do galego na rede coincidindo co aniversarios de Rosalía de Castro (24 de febreiro), o de Eduardo Pondal (8 de febreiro) ou o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro).

As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de ata 200 palabras, do 1 ao 28 de febreiro

A campaña inclúe a convocatoria dun concurso de micro-relatos para avivar a produción creativa nos novos espazos da comunicación. As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de ata 200 palabras, ao correo comunicacion@academia.gal do 1 ao 28 de febreiro. O primeiro premio consistirá nun Ipad e unha cámara goPro, o segundo, nun Kindle e un disco duro externo e o terceiro (poderá haber ata tres), nun lote de libros. Ademais, os tres relatos premiados recibirán un dominio gratuíto durante un ano e merchandising de PuntoGal. As bases completas poden consultarse aquí. O xurado fará pública a súa decisión no mes de marzo.

En canto á promoción, os rexistradores acollidos son Dinahosting, Arsys, CDMon, Blacknight e Openprovider. As condicións da promoción poderán consultarse neste enlace ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras.

A campaña foi presentada esta mañá polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, o tamén académico Manuel González. Con esta colaboración, a RAG aposta por “seguir potenciando a presenza do idioma na modernidade que representan as tecnoloxías da información e  comunicación e por reforzar a identidade de Galicia no ciberespazo a través de .gal”, salientou Freixanes.

As dúas entidades buscan a través desta campaña incrementar a presenza do galego na rede coincidindo co aniversarios de Rosalía de Castro (24 de febreiro), o de Eduardo Pondal (8 de febreiro) ou o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro)

“A lingua galega é o noso primeiro e basilar elemento de identidade como galegos, e o dominio .gal é unha mensaxe continuada ao mundo a través do ciberespazo na que lles estamos dicindo que somos un pobo cunha lingua útil e funcional. Neste mundo globalizado, a identidade é un valor cada vez máis cotizado e o dominio .gal é un vehículo excelente para darlle a coñecer ao mundo a nosa identidade”, engadiu Manuel González. Un "vehículo" que González animou a empregar a todos os organismos públicos, ao empresariado que exerce a súa actividade en Galicia e tamén a todos os galegos e galegas, para reforzar así “a cohesión social do noso pobo e tamén poñer en valor a calidade dos nosos produtos”.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.