Tres institutos prepararán nun congreso científico o seu terceiro lanzamento dun globo á estratosfera

Imaxe da sonda lanzada á estratosfera © NOSA

O pasado ano alumnado do IES Maruxa Mallo de Ordes, o IES Miraflores de Oleiros e o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces levou a cabo o lanzamento dunha sonda estratosférica, que acadou os 33.000 metros de altitude. O proxecto, que incluía a realización de varios experimentos, dáballe continuidade ao primeiro lanzamento, realizado en 2016, por alumnos e alumnas de 3º de ESO do ordense IES Maruxa Mallo. Neste 2018 os tres institutos repetirán a experiencia e xa están a traballar para que o MarumaSat III sexa lanzado esta primavera. Antes, o vindeiro 5 de febreiro, reuniranse en Vila de Cruces nun congreso científico que servirá non só para preparar a nova iniciativa, senón tamén para avaliar e difundir os resultados dos experimentos realizados o pasado ano.

O Auditorio Xosé Casal acollerá o encontro. Alí durante dúas horas exporase o desenvolvemento de seis estudos científicos novos: Fabricación e programación dun datalogger para o MarumaSat III; Como calcular a distancia ao horizonte?; Estudo da temperatura de funcionamento da cámara de vídeo GoPro Session 4 no interior do MarumaSat III; Análise dos rexistros termométricos; Evolución do ozono en altitude; e Experimentos biolóxicos no MarumaSat II. Ademais, presentaranse as actas do anterior encontro e haberá unha mesa de comunicación conducida por Anxo Pérez, xornalista da TVG. Así mesmo, conectarase por vídeo-conferencia con Ordes e Canadá con dous dos participantes nos proxectos dos anos anteriores, Igualmente, asinarase a acta de constitución e os estatutos da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA). E, finalmente, convocarase un premio de poesía estratosférica: os versos gañadores serán enviados a máis de 30.000 metros de altura.

Tamén se explicará no congreso a misión asignada durante a próxima primavera para o MarumaSat III que terá como lema Niño no faro: Preténdese que nesta ocasión naza vida no interior da cápsula en plena estratosfera, tras o éxito do experimento do pasado ano, coa supervivencia dun invertebrado na sonda. Ademais, tratarase de obter imaxes do ascenso e caída do aparello aínda de mellor calidade cás da anterior expedición, e buscarase tamén emitir sinais que permitan ser vistos. O encontro terá como colofón unha visita arqueoastronómica ás mámoas de Oirós.

O ano pasado a sonda foi lanzada dende o IES Maruxa Mallo (Ordes) e caeu tres horas e media despois no lugar de Puxallos (Lalín). Pódese ver aquí o vídeo gravado no momento da súa recuperación. Sara Castro, alumna do IES de Ordes, destacaba o valor formativo desta actividade, non só pola aprendizaxe concreta na construción da sonda e do proceso que levará ao seu ascenso á estratosfera (na que as ciencias e as matemáticas son fundamentais), senón pola experiencia de traballo práctico e de traballo en equipo: "Estudar nun instituto non é só memorizar textos ou facer exames. Con este tipo de proxectos prácticos aprendemos moitas máis cousas. Son iniciativas que espertan a nosa creatividade e axudan a saber traballar en equipo. Axudan a xente, ademais, a descubrir o que lles gusta e a decidir que camiño queren seguir".

Inflado do globo que elevou a sonda ata os 33 mil metros © NOSA
Primeira xuntanza de Nosa, Axencia Espacial Escolar Galega © Concello de Ordes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.