As mortes por gripe en Galicia xa superan en febreiro as de toda a tempada anterior

Campaña a prol da vacinación contra a gripe © Sergas

Os falecementos ligados á gripe acumulan en Galicia media década de tendencia ascendente. Así o acreditan os datos de mortalidade recompilados polo INE e así o reflicte tamén a información fornecida dende o Servizo Galego de Saúde, procedente do sistema de control da enfermidade posto en marcha dende 2009, ao fío da epidemia da gripe A. A actual tempada de vixilancia, iniciada o pasado outubro e que se estende ata maio, certifica que a curva de falecemento rexistrados seguirá á alza. Non en van, os 160 rexistrados ata a sétima semana do ano -a que rematou o 18 de febreiro- son xa 24 máis que en toda a tempada anterior.

O último informe divulgado polo Sergas revela un incremento de 30 mortes por esta doenza en só unha semana nun contexto no que, dende o inicio da tempada, o total de casos con gripe confirmada foi de 2.800. "O total de pacientes ingresados durante esta tempada tiñan indicada a vacina antigripal", se ben practicamente a metade, o 49,5%, non a puxeran. Entre as persoas que faleceron, "todas" tiñan a vacina indicada pola súa idade ou por presentaren factores de risco, pero 70 delas "non estaban vacinadas".

Nun contexto no que a actividade gripal en Galicia é xa "decrecente" e de intensidade "baixa" o Sergas adoita resaltar que o gran incremento de falecementos nos últimos anos non se debe só á maior virulencia do virus da gripe, senón á existencia dun maior seguimento e tamén a que se producen máis ingresos. Deste xeito, os responsables da sanidade pública convídase a comparar as cifras absolutas de persoas falecidas cos datos de mortalidade -falecementos por cada 100.000 habitantes- e de letalidade -porcentaxe de falecementos sobre o total de persoas afectadas-.

Así, nas súas conclusións sobre a tempada pasada o Sergas admitía un "progresivo aumento" da mortalidade por gripe dende que se implantou o actual sistema de seguimento, entres que a letalidade é un valor moito máis estable. A gravidade xeral da gripe, advirten, fica mellor reflectida nos datos de letalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.