"Estase a desperdiciar moito talento de mulleres que non chega ás carreiras técnicas"

Carmen García Mateo © Museo do Pobo Galego

Carmen García Mateo é catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e directora do Grupo de Tecnoloxías multimedia de atlanTTic, onde leva a cabo a súa labor investigadora, centrada principalmente nas tecnoloxías da fala e da linguaxe (recoñecemento de voz, tradución automática, conversión de texto a voz...). No ano 2014 recibiu o premio María Josefa Wonenburger, que recoñece os méritos científicos e o impacto social das mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía. 

O pasado martes participou na celebración do Día da Muller no Museo do Pobo Galego, que este ano estivo centrada na fenda de xénero no desenvolvemento e aplicación das TIC. Moderadas por Encarna Otero, ademais de Carmen García Mateo interviron Luz Ramos López -xefa do departamento de Tecnoloxía do IES de Brión- ou Sonia Lois García -enxeñeira técnica industrial pola Universidade de Vigo, CEO de Coremain e de Sivsa e experta en desenvolvemento de solucións TIC aplicadas ao ámbito da sanidade-. Ademais, este xoves foi unha das participantes na xornada organizada polo Consello da Cultura Galega sobre A cultura dixital en Galicia, na que deu unha conferencia sobre "Tecnoloxía, intelixencia artificial, Big Data: A automatización que chama á porta".

Os actos do Día da Muller no Museo do Pobo estiveron dedicados este ano a debater sobre a fenda de xénero nas TIC. Onde está a base do problema? A partir de que momento as nenas son apartadas das carreiras tecnolóxicas?

O problema é complexo e normalmente cando xeneralizamos cometemos erros. Pero en todo caso é importante mandar mensaxes. O outro día no Museo do Pobo arrinquei a miña intervención con algúns datos, mesmo históricos, lembrando que na miña época de estudante -rematei a carreira a finais dos 80- eramos poucas mulleres nas facultades de ciencias. Pero eran outros tempos, a sociedade era moi distinta e iso era case esperable. Nos anos 90 houbo un certo crecemento, pero hoxe a presenza de mulleres nas carreiras técnicas volve descender, ata o 20%, mentres que noutras disciplinas, tanto de ciencias, como de ciencias sociais, de humanidades, si que acadou a igualdade ou as mulleres son mesmo maioritarias.

"Hai un tema de percepción subxectiva, de autoestima, de estereotipos asociados a carreiras técnicas que fan que as nenas, dende pequenas, rexeiten estes contidos"

Hai unha cuestión moi importante relacionada con percepcións, que están xa interiorizadas no máis fondo de cada persoa, dende a infancia. Hai un tema de percepción subxectiva, de autoestima, de estereotipos asociados a carreiras técnicas que fan que as nenas, dende pequenas, rexeiten estes contidos. Existe o estereotipo de que nas carreiras técnicas se necesita un nivel de intelixencia elevado e dende que as nenas son pequenas vaise construíndo nelas a idea de que non son suficientemente intelixentes. Hai unha falta tamén de referentes femininos; os nenos son capaces de nomear científicos ou enxeñeiros, pero non tantas científicas e enxeñeiras. Están a realizarse proxectos interesantísimos, como o proxecto Wisibilizalas da UPF, para dar a coñecer científicas ou enxeñeiras, para amosar que existen, que non son raras. Hai que ir á raíz, porque se non atacamos iso, as nenas xa non escollen materias de corte técnico na ESO e despois xa non van ás enxeñarías.

É importante acadar a igualdade en todos os ámbitos, pero se cadra é máis urxente facelo nas TIC, pola súa importancia económica e social presente e futura. É o espazo que está definindo na actualidade a nosa sociedade e as consecuencias de que o papel das mulleres sexa secundario poden ser moi graves, non si?

O noso papel máis que secundario é minoritario. Non hai suficientes. Estase a desperdiciar moitísimo talento de mulleres que non chega ás carreiras técnicas e que polo tanto despois tampouco vai chegar ao mundo do traballo. E isto é moi grave, tendo en conta que as profesións relacionadas co desenvolvemento das tecnoloxías demandan cada vez máis traballadores cualificados. Non nolo podemos permitir.

"Estase a desperdiciar moitísimo talento de mulleres que non chega ás carreiras técnicas e que polo tanto despois tampouco vai chegar ao mundo do traballo"

Nese sentido é importante que as mulleres que estiveron e estades nos campos científicos ou técnicos sexades máis visibles, para dar eses referentes?

Hai unha frase que me gusta moito, que é 'non se elixe o que se descoñece'. Seguramente ata hai pouco as mulleres científicas e técnicas non fomos conscientes da importancia que tiña que fósemos máis visibles, de aparecer nos medios, de usar máis as redes sociais, de chegar a nenos e nenas, da importancia de poñer nisto tamén o noso empeño.

Este xoves falaches de Big Data e de Intelixencia Artificial, cousas que a moitas persoas lles poden soar moi afastadas, mesmo de ciencia ficción, pero coas que xa estamos en contacto a diario na nosa vida cotiá... 

Si, facemos uso do Big Data todos os días, cada vez que empregamos o buscador de Google...

...Son determinantes no noso día a día, rodéannos, pero se cadra os que non somos expertos non sabemos moito sobre elas? 

Si, todas estas tecnoloxías están xa a mudar todo o noso mundo e fálase de que constitúen unha 4ª revolución industrial. E xa non son novas, en absoluto, levamos con elas dende o 2005 e son resultado dunha evolución de moitas décadas. Nos anos 50 do pasado século sabíase xa como facer todo isto, teoricamente, pero o que non había eran as ferramentas. Todo iso chegou cun desenvolvemento exponencial da tecnoloxía nos últimos anos, cun grande aumento da capacidade dos ordenadores e da conectividade. E así avanzouse moitísimo no seu despregamento, chegando a todos os recunchos da vida da xente. Tamén a robótica está hoxe xa en todos os lados, nas aspiradoras, nos cortacéspedes... E estes aparellos conteñen unha cantidade de tecnoloxía impresionante, de hardware, de sensores...

"Facemos uso do Big Data todos os días, cada vez que empregamos o buscador de Google2

Como está posicionada Galicia -as súas empresas, spin-off e grupos de investigación- nestes campos?

Non estamos nada mal, non estamos desconectados. Estamos ben tendo en conta a dimensión empresarial que temos e a poboación de Galicia. O importante é que non estamos illados, e isto é fundamental porque hoxe en día hai que traballar en colaboración con outras empresas, empregando todo tipo de ferramentas propias e de terceiros. E isto está a facerse dende numerosos grupos de investigación, empresas ou spin-off nacidas nas universidades. No meu campo, que son as tecnoloxías da linguaxe ou da fala, están a levarse a cabo grandes avances tecnolóxicos coa lingua galega, porque aquí si que se non o facemos nós non o vai facer ninguén, tentando que todo o relacionado co procesado automático de fala en galego estea ao mellor nivel.

"Traballamos no desenvolvemento dun sistema de recoñecemento de fala para o galego, que permita transcribir automaticamente audio. Aínda que Google xa conta cun sistema, consideramos que non ten a calidade que debe ter"

En que está centrado o teu grupo de investigación neste momento?

No grupo traballamos a partir de procesado de contidos audiovisuais, tanto audio coma as propias imaxes das persoas, para extraer automaticamente información delas: quen son, en que estado anímico están, empregando técnicas baseadas en recoñecemento de patróns. Traballamos no desenvolvemento dun sistema de recoñecemento de fala para o galego, que permita transcribir automaticamente audio e que permita por exemplo incorporar subtítulos en galego aos vídeos de Youtube. Aínda que Google xa conta cun recoñecedor de audio en galego, nós seguimos traballando niso, porque consideramos que o sistema de Google non ten a calidade que debe ter. Colaboramos con lingüísticas da Universidade de Santiago e de Vigo para mellorar a ferramenta. Na parte de vídeo, o grupo deu lugar a unha spin-off que desenvolveu unha ferramenta que permite identificar as reaccións da xente cando observa un escaparate, se miran máis unha ou outra prenda e poder detectar o seu interese...

 

Carmen García Mateo © Museo do Pobo Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.