0 Gardados para despois

Cita coa primavera o martes, 20 de marzo, ás 17:16

Redacción | @prazapublica

Tras un outono de seca e un final de inverno 'como os de antes', de chuvia e temporais -agora con nome-, a primavera chama á porta. Nomeadamente, no caso galego, ás 17:16 horas do martes, 20 de marzo de 2018. Ese será o momento no que o sol pase polo punto Aries, "un dos dous puntos de cortes da eclíptica co ecuador celeste", explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago, José Ángel Docobo.

Esta, sinala Docobo, é "a época do ano na que o sol está, practicamente, o mesmo tempo por riba e por baixo do horizonte". É dicir, sae "exactamente polo leste e ponse xusto no oeste". A estación primaveral ten un inicio perfectamente marcado e un final igualmente preciso; dará paso ao verán ás 12:07 do 21 de xuño, día no que haberá quince horas de luz e nove de escuridade.

Alén de metáforas sobre o sangue alterado, dende o Observatorio Astronómico da USC convidan a ollar ao ceo durante, cando menos, dúas noites da primavera, nas que se agardan senllas 'chuvias de estrelas'. En torno ao 22 de abril chegarán as Líridas e nos pimeiros días de maio, as Eta-Acuáridas. Ademais, nos amenceres dos primieros días de maio e xuño "poderá contemplarse unha aliñación da Lúa con Marte e Saturno". Ademais, nos solpores do Día das Letras e do 16 de xuño "a Lúa estará moi preto de Venus" e poderá contemplarse a simple vista este planeta "como luceiro vespertino".

O Observatorio Astronómico 'Ramón María Aller' convida a ollar os protagonistas do ceo desta estación: dúas chuvias de estrelas e os planetas Venus, Mercurio, Marte e Saturno

Haberá máis protagonistas no ceo durante a primavera para quen goste da astronomía, explica Docobo. A finais de abril "o protagonista vai ser Mercurio, observable antes da saída do sol" e Xúpiter "irá saíndo cada vez máis cedo, sendo visible durante case toda a noite ao longo da estación". Marte e Saturno, "próximos entre si", poderán verse "na segunda parte das noites".

Galicia chegará á primavera despois dun inverno pescialmente chuvioso. Docobo pon o exemplo do sucedido en Compostela, con ata 290 litros por metro cadrado durante a primeira quincena de marzo. Esta cantidade "non se chegou a acadar en ningún mes completo do ano pasado", ilustra. En todo o inverno a capital galega rexistrou uns 750 litros por metro cadrado, unha cantidade moi elevada que, no entanto, non supera o inverno 2015-16, cando se superaron os 870 litros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.