0 Gardados para despois

A CUE, gañadora das eleccións estudantís, reclámalle ao novo reitor cambios na USC

Redacción | @prazapublica

Na xornada electoral que viviu a Universidade de Santiago o pasado luns, e na que Antonio López foi elixido como novo reitor cunha ampla maioría, a A Candidatura Unitaria Estudantil (CUE) obtivo entre o estudantado unha vitoria igualmente contundente, facéndose con dous de cada tres postos no Claustro da USC. En concreto, obtivo 38 representantes dun total de 58 posibles, repetindo o triunfo acadado en 2016 e ampliando a súa maioría con sete postos máis. 

Os seus e as súas integrantes foron propostos por asembleas abertas de todos os centros, colaborando nalgunhas ocasións con outras organizacións de diferentes facultades como a Delegación de Alumnos de Física, a Candidatura Unitarida de Educadoras ou Bota e Bata (na Facultade de Bioloxía). Polo que respecta ás elección de Persoal de Administración e Servizos (PAS) a candidatura de A Trabe obtivo 20 dos 30 postos.

Entre as medidas concretas destacan varias reivindicacións feministas xurdidas das mobilizacións do 8M, como a posta en marcha dun protocolo "verdadeiramente efectivo" contra a violencia machista

Agora, a CUE pídelle ao novo reitor unha xuntanza para tratar distintos asuntos, lembrándolle que durante a folga estudantil do pasado 9 de abril, unha delegación de alumnos e alumnas reuniuse co entón candidato para transmitirlle unha serie de esixencias, ante as que López amosou boa disposición, destaca a CUE, que agora lle demanda "a aplicación concreta destes compromisos".

Entre as medidas concretas que foron centrais na folga e que agora serán defendidas pola CUE destacan varias reivindicacións feministas xurdidas das mobilizacións do 8M, entre as que se atopa a posta en marcha dun protocolo "verdadeiramente efectivo" contra a violencia machista, o aumento da seguridade nos campus para previr agresións e a dispoñibilidade de produtos de hixiene feminina á venda nos centros. Ademais, como parte da redacción dun novo estatuto do estudante a CUE reivindicará a conformación dun consello de estudantes "que lle permita ao estudantado ser interlocutor decisivo nos debates da universidade".

A CUE propón conformar unha fronte común con todos os axentes implicados "para forzar un xiro na política educativa da Xunta, contra os recortes e a falta de financiamento"

Finalmente, a candidatura estudantil propón conformar unha fronte común con todos os axentes implicados "para forzar un xiro na política educativa da Xunta, contra os recortes e a falta de financiamento" e avanzar cara a unha Lei Galega de Educación "que teña en conta os diferentes colectivos implicados e permita paliar as deficiencias estruturais do noso ensino".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.