0 Gardados para despois

Un proxecto de recuperación da biodiversidade en Mondoñedo, primeiro premio en Galiciencia

Redacción | @prazapublica

A edición 2018 de Galiciencia, a meirande feira científica escolar de Galicia, pecháronse este venres, sumando máis de dous mil visitantes e entregando os seus premios finais. O gañador foi un proxecto de ciencia cidadá para a recuperación da biodiversidade no rural realizado por oito alumnos e alumnas do IES San Rosendo de Mondoñedo, representado por Lidia Barreira e María Bouso. O grupo obtén 1000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2019 (Barcelona).

Durante os últimos seis meses realizaron estudos pormenorizados sobre tres especies autóctonas –a curuxa, o moucho e o morcego– para despois iniciar un completo plan de acción

Lidia Barreira e María Bouso explicaron a súa iniciativa para involucrar os habitantes dos concellos lucenses de Mondoñedo, Abadín e Lourenzá na mellora da situación dos ecosistemas rurais nesta comarca. Durante os últimos seis meses realizaron estudos pormenorizados sobre tres especies autóctonas –a curuxa, o moucho e o morcego– para despois iniciar un completo plan de acción. Entre as actuacións postas en marcha, está a concienciación da poboación sobre a capacidade destas especies para controlar pragas como a velutina, a colocación a demanda de caixas-refuxio construídas por eles mesmos para facilitar a supervivencia de exemplares e a creación de ferramentas online para recopilar datos facilitados polos habitantes da contorna. A súa recollida exhaustiva de datos mediante técnicas coma o fototrampeo, a investigación sobre as condicións de vida de cada unha das especies e sobre a adecuada construción dos refuxios e a capacidade para divulgar os seus resultados con rigor foron determinantes á hora de obter a máxima puntuación.

O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, a Zientzia Azoka, correspondeulle ao deseño dun foguete de combustible sólido utilizando unha mestura de nitrato de potasio e azucre, o que provoca unha reacción de gases que impulsan o proxectil. Pablo Portela e Brais Pazó, do Colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo, inspiráronse nos principios físicos utilizados pola NASA para fabricar sucesivos prototipos capaces de alcanzar cada vez maior altura e aceleración.

O terceiro premio foi para unha estación meteorolóxica electrónica bautizada como Cero lume para a prevención de incendios

En terceiro lugar quedaron Esther Suárez e Lucía Suárez, das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso, que idearon unha estación meteorolóxica electrónica bautizada como Cero lume para a prevención de incendios. A través da medición mediante sensores de temperatura, humidade e velocidade do vento e circuítos programados para cruzar os datos, o dispositivo emite alertas cando se produce a combinación de factores de risco para poder controlar a situación. O equipo recibiu 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses na Semana da Ciencia.

Houbo tamén mencións especiais para os alumnos do Colexio Alborada de Vigo polo seu proxecto de caracterización dos plásticos da praia de Vilariño (Ría de Aldán) e tamén para o proxecto de concienciación sobre a reciclaxe de papel de Luis Barba e María Rascado, do IES María Casares de Oleiros. Como proxecto máis innovador, foi premiado o sistema de axuda na reciclaxe de lixo para invidentes das Aulas Tecnópole, ideado por Mateo González e Cecilia González. Finalmente, tamén se recoñeceu "a fórmula para a barbacoa perfecta" dos alumnos do Colexio San José-Josefinas de Ourense. Recomendan combinar, primeiro, leña de piñeiro, fácil de prender e de combustión rápida; logo, castiñeiro, que eleva rapidamente a temperatura, e carballo, que asegura a formación dun bo braseiro; e, finalmente, sobreira, con gran poder calorífico e combustión completa que apenas xera residuos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.