Restos achados en Burela axudan a confirmar migracións de baleas entre o Mediterráneo e o Atlántico norte hai 1,8 millóns de anos

Unha das baleas azuis vistas en Galicia nos últimos meses © BDRI

Vén de publicarse en Neues Jahrbuch für Geologie und Paläontologie un estudo sobre os movementos migratorios das baleas entre o Mediterráneo e o Atlántico norte no principio do Pleistoceno, hai 1,8 millóns de anos. O traballo, dirixido por Alberto Collareta do Departamento de Ciencias da Terra da Universidade de Pisa, confirma que estes animais utilizaban o Mediterráneo central como área de cría na época máis fría do ano no Hemisferio Norte e no verán movínase ás ricas áeras de alimentación no norte do Atlántico. A costa atlántica da Península Ibérica era xa daquela lugar de paso nesas migracións, algo que se mantén na actualidade, como quedou demostrado nos numerosos avistamentos que tiveron lugar en Galicia no pasado outono.

Como control previo para coñecer a calidade e bo estado da cuncha fósil, usáronse cirrípedos epibiontes Coronula diadema que foran atopados nun exemplar de balea xibarte varada en Burela en 2011 e que foran recollidos por CEMMA

A descuberta realizada por Alberto Collareta e o seu equipo foi posible, ademais, grazas ao estudo duns restos achados nos últimos anos en Burela. Na rexión de Apulia, no sur de Italia, hai un amplo rexistro fósil de cirrípedos de misticetos da familia Coronulidae, o que levou a que esta zona fora considerada como unha antiga área de concentración de baleas na época de reprodución. Quedaba por saber se eses cirrípedos vivían sobre baleas que se estableceran exclusivamente no Mediterráneo ou se vivían sobre un hospedador que migrase estacionalmente a áreas de maior latitude do Atlántico Norte. Para estudalo analizouse o perfil do isótopo de osíxeno δ18 ao longo da liña de crecemento da cuncha dun cirrípedo fósil extinto Coronula bifida, atopado na citada rexión e datado aproximadamente en 1,8 millóns de anos de antigüidade. A concentración do isótopo de osíxeno na cuncha depende da temperatura de precipitación dos carbonatos e da concentración do isótopo da auga circundante, polo que na cuncha quedarán rexistrados os movementos entre masas de auga con distintas temperaturas, baixo o principio de que nas augas frías a concentración do isótopo será máis alta que nas augas quentes, segundo explican dende a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

A costa atlántica da Península Ibérica era xa daquela lugar de paso nesas migracións, algo que se mantén na actualidade, como quedou demostrado nos numerosos avistamentos que tiveron lugar en Galicia no pasado outono

Nesta análise había que ter en conta que a composición química da cuncha fósil podería ter sido alterada polas transformacións químicas ou físicas que sofren co paso do tempo os materiais depositados ou sedimentados no substrato trala morte do animal, maiormente cimentación e disolución seguida de precipitación (no proceso denominado diaxénese). Por iso, como control previo para coñecer a calidade e bo estado da cuncha fósil, usáronse cirrípedos epibiontes Coronula diadema (a especie actual máis cercana a C. bifida), que foran atopados nun exemplar de balea xibarte (Megaptera novaeangliae) varada en Burela en 2011 e que foran recollidos por CEMMA durante a necropsia do exemplar e conservadas no Banco de Mostras biolóxicas da Rede de Varamentos de Galicia. Unha vez analizadas ambas mostras, na comparación de elementos traza no cirrípedo fósil italiano non se atoparon indicios de diaxénese que comprometesen a fiabilidade da análise, a pesar do paso do tempo.

Isto axudou a confirmar a hipótese inicial, constatando as migracións de baleas entre o Mediterráneo e o Atlántico Norte hai uns 1,8 millóns de anos.

 

Exemplares de 'Coronula diadema' recollidos da xibarte de Burela © CEMMA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.