A Xunta segue recortando o ensino público e elimina 200 docentes en Infantil e Primaria

Cartel a prol do ensino público nun centro galego CC-BY-SA Praza Pública

Máis alumnos, menos profesores. Máis recortes, menos calidade. A Xunta teima en reducir docentes no ensino público. Se nesta mesma semana coñecíase que a adxudicación de prazas en Secundaria para o vindeiros curso traducíase en máis de 1.000 mestres menos, o DOG volveu dar este venres unha mala nova á ensinanza pública co anuncio de máis recortes. E, como non, as noticias volven chegar en vacacións e en pleno mes de agosto.

A Xunta elimina 200 postos de traballo en Infantil e Primaria tras prescindir de cando menos 1.000 docentes en Secundaria

Así o denuncia tamén CIG-Ensino, que acusa a Consellería de Educación de "continuar coa súa política de ataque permanente ao ensino público". Desta vez, os datos que se tiran do documento publicado no DOG equivalen á redución de 132 unidades e 199 postos de traballo en Educación Infantil e Primaria.

Hai tan só dous días a CIG-Ensino denunciaba que a adxudicación de Secundaria se traducía nunha redución de 993 profesores e profesoras menos, "993 persoas que, se non se corrixe a situación na adxudicación definitiva, van deixar de traballar no curso que vén". Un día despois, a central nacionalista denunciou tamén a supresión de 49 postos máis nas Escolas Infantís da Galiña Azul e xusto o mesmo día no que El País destacaba que Galicia era a comunidade que máis docentes suprimira nos dous últimos anos.

A CIG denuncia que incluso se pechan "centros enteiros", doce en todo o país

A CIG destaca que nesta nova decisión da consellería anúnciase incluso "o peche de centros enteiros, maioritariamente de Infantil, exactamente 12 (2 na Coruña, 3 en Lugo, 1 en Ourense e 6 en Pontevedra)".  A publicación no DOG desta Orde do 20 de xullo de 2012 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos de educación infantil, primaria e educación especial volve dar un golpe ao ensino público. Ademais, destaca tamén que a Xunta impón nestes recortes as ratios máximoas de alumnado por aula e obrigan a realizar agrupamentos de rapaces de diferentes idades.

"Feijóo é o campión do desemprego no ensino público mentres mantén os concertos cos centros privados"

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino asegura que “o presidente Núñez Feijoo, que alardea de que o seu goberno é un exemplo de austeridade, é o campión do desemprego". "A súa lexislatura pasará á historia como a do presidente que destruíu máis unidades de ensino público e canda a elas máis postos de traballo", denuncia, tras lembrar  a redución de unidades, a imposición de ratios elevadas que dan lugar á masificación das aulas, a ampliación do horario lectivo do profesorado, o incremento dos agrupamentos de alumnado de diferentes idades, a redución dos departamentos de orientación e dos seus responsábeis ou a redución do profesorado de atención ao alumnado con necesidades educativas... Todo isto mentres, como aseguran desde a central nacionalista,  "se lle manteñen os concertos aos centros privados, entre eles centros que segregan o alumnado por sexo e son vinculados ao Opus Dei". "Esta é a política do actual goberno: o deterioro e a privatización dos servizos públicos esenciais", remata.

Protesta contra os recortes no ensino público CC-BY Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
Anxo Louzao, á dereita, responsable de CIG-Ensino © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.