A Universidade da Coruña comprométese a loitar contra as pseudociencias

Reitorado da Universidade da Coruña © UDC

Homeopatía, naturopatía, ozonoterapia, psicanálise, quiropráctica, reflexoloxía, reiki... De cando en cando as institucións públicas vense asaltadas por unha serie de disciplinas ou técnicas que se revisten dunha apariencia científica, pero que carecen dun método científico que as avale. As empresas e profesionais que impulsan e comercializan estas técnicas están especialmente interesados en levar a cabo actividades ou presentacións nas universidades, ao entender que como institucións de coñecemento poden dotar de solidez ás súas propostas, equiparándoas ás disciplinas que si contan cunha validez demostrable.

A declaración da UDC cualifica a pseudociencia como "eticamente incorrecta" e comprométese a "garantir a integridade científica e académica en todas as actividades que fagan uso do seu nome, a súa imaxe ou as súas instalacións"

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou hai unhas semanas unha declaración contra a pseudociencia redactada polo seu Comité de Ética da Investigación e a Docencia. O documento subliña que a pseudociencia "implica a transmisión ou difusión de coñecementos que se presentan como científicos sen estar baseados en argumentos, criterios ou métodos propios das ciencias". Polo tanto, cualifica a pseudociencia como "eticamente incorrecta" porque "lesiona dous valores básicos da procura do coñecemento: a verdade e a confianza". A declaración conclúe que "a pseudociencia dana a integridade científica e académica porque incumpre dúas esixencias da investigación e a docencia responsábeis: o rigor e a honradez".

A declaración péchase "rexeitando" a pseudociencia e instando á Universidade da Coruña a "garantir a integridade científica e académica en todas as actividades que fagan uso do seu nome, a súa imaxe ou as súas instalacións".

Nos últimos anos asistimos tamén en Galicia a varias polémicas pola presenza (case sempre finalmente abortada) destas chamadas terapias naturais nos centros universitarios. Sucedeu hai dous anos coa presentación de varios máster na Universidade de Santiago relacionados coa acupuntura ou a medicina natural ou co intento de Josep Pàmies de vender as súas técnicas e produtos na Universidade da Coruña.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.