Esta noite poderá verse dende Galicia a eclipse de Lúa máis longa do século

A eclipse total de lúa deste venres, en Compostela © IGN

Este venres á noitiña poderá observarse dende Galicia unha eclipse total de Lúa. Será, ademais, a máis longa desta centuria e haberá que agardar ata o século XXII para ver algo semellante. O fénomeno comezará a ser visible pouco antes das dez da noite, no momento en que o noso satélite asome polo horizonte, xa eclipsado. Ao redor das 22.30 horas a eclipse será total e a partir de aí comezará o verdadeiro espectáculo: a Lúa comezará a facerse novamente visible aos poucos, adquirindo unha tonalidade vermella. A fase de totalidade remata ás 23:13 e a partir dese momento e durante 66 minutos a Lúa irá liberándose da sombra terrestre.

Será unha eclipse moi longa, cunha duración total de case catro horas, aínda que dende Galicia non poidamos aprezar a primeira parte do evento, por producirse antes da saída da Lúa. Na duración da eclipse inflúen fundamentalmente dous factores: o tamaño aparente da Lúa e o camiño que esta leve ao atravesar os conos citados. Así, se a Lúa está preto do seu apoxeo, estará o máis lonxe posible da Terra e por iso verase máis pequena. Consecuentemente, tardará máis no seu tránsito polos conos de penumbra e sombra. Ademais, se se despraza polas proximidades dos centros dos conos, terá mais camiño que percorrer na eclipse e tamén por iso a súa duración será maior. “Ambas as dúas cousas van suceder o día 27, e por iso a duración desta eclipse total de Lúa será a maior neste século”, explica o catedrático de Astronomía e director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo Durántez.

Será unha eclipse moi longa, cunha duración total de case catro horas, aínda que dende Galicia non poidamos aprezar a primeira parte do evento, por producirse antes da saída da Lúa

Tamén chamará a atención da cor vermella que adquirirá en certos momentos o satélite, a denominada "Lúa de Sangue". Cando a Lúa entra na zona de sombra que provoca a Terra, non desaparece de todo, pois aínda que deixa de estar iluminada polo Sol pasa a estar iluminada de forma feble e indirecta pola Terra. Á Lúa chega luz filtrada pola atmosfera da Terra e, igual que no solpor, as cores dominantes son as vermellas, explican dende a coruñesa Agrupación Astronómica Ío. Esta entidade convocou unha actividade de observación colectiva da eclipse para esta noite. Será ás 22 horas no Parque dos Menhires, na contorna da Torre de Hércules. Dende Ío destacan igualmente que esta noite poderemos ver tamén o planeta Marte co seu máximo brillo anual; ademais de Marte, están en magníficas condicións de observación os planetas Xúpiter e Saturno.

Hai ademais convocatorias para seguir a eclipse en Compostela, Vigo, Boqueixón, Sanxenxo, Castrelo de Miño, Salvaterra de Miño, Forcarei ou o Monte Neme. O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC salienta pola súa banda que non se precisa ningún tipo de protección ocular para seguir as eclipses lunares, podéndose facer a simple vista. Iso si, recomenda facelo desde lugares que teñan o sureste do horizonte despexado para podela ver no seu orto e advirte de que “unha ilusión óptica fará que a vexamos máis grande canto máis baixa estea”.

 

Convocatorias para a observación da eclipse

Hai convocatorias para seguir a eclipse en Compostela, A Coruña, Vigo, Boqueixón, Sanxenxo, Castrelo de Miño, Salvaterra de Miño, Forcarei ou o Monte Neme

  • A Coruña. Parque dos Menhires. Agrupación Astronómica Ío
  • Santiago de Compostela. Monte Pedroso. Club Compostelán de Astronomía Vega
  • Boqueixón. Cume do Pico Sacro. Observatorio da USC
  • Sanxenxo. Paseo Marítimo de Silgar. Observatorio da USC
  • Vigo. Miradoiro do Castro. Asociación Astronómica de Vigo
  • Forcarei. Observatorio Astronómico. Fundación Ceo, Ciencia e Cultura
  • Castrelo de Miño. Parque Náutico de Castrelo.
  • Carballo. Monte Neme. Plataforma Monte Neme
  • Salvaterra de Miño. Adega Luz de Estrelas. GDR Condado-Paradanta

 

Simulación da eclipse do día 27 © USC
Na Coruña convocouse unha observación do fenómeno dende a Torre de Hércules © Agrupación Astronómica Ío

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.