'Arnoia, Arnoia', de Méndez Ferrín, converterase nun videoxogo

Xosé Luís Méndez Ferrín © Corsino

A Arnoia, Arnoia de Xosé Luis Méndez Ferrín converterase nun videoxogo a través dun proxecto apoiado pola Deputación de Ourense. A iniciativa está dirixida por Antonio Piñeiro, coordinador cultural no Concello de Celanova, e nela tamén participan Luz Castro (de Imaxin Software e especialista en marketing dixital) e Martín López Nores (profesor da Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo).

O proxecto, que terá versións en galego, español e inglés, busca dinamizar didáctica e turisticamente as Terras de Celanova e da Baixa Limia, divulgar a literatura dos autores de Celanova con outro tipo de rexistros e linguaxes comunicativas alén do libro, e utilizar as novas tecnoloxías para aproximar a literatura dos autores de Celanova á xuventude. Tamén pretende promover a dinamización local e o fomento do emprego por medio da creación de industria cultural baseada no patrimonio literario e cultural de Celanova e a súa zona de influencia.

Poderá xogarse en liña e tamén descargalo como app e mesmo contará cunha versión de xogo de mesa. Ofrecerá unha serie de pistas para percorrer turisticamente a comarca de Celanova a través de xeolocalizacións, conxugando escenas de realidade aumentada con escenarios reais. O videoxogo contribuirá "a trasladar a todos os públicos a riqueza literaria e turística de Celanova e da provincia de Ourense por medio dun formato novidoso e interactivo", destacou Manuel Baltar na presentación que tivo lugar este xoves. Baltar subliñou que o proxecto "mestura tradición e vangarda, e amosa a creatividade da nosa provincia no ámbito audiovisual, neste caso coa obra dun dos nosos escritores máis insignes como é Méndez Ferrín, unindo historia e innovación tecnolóxica".

A novela de Méndez Ferrín foi publicada no ano 1985 por Xerais, hai máis de 30 anos, e foi incluída na Lista de Honra do IBBY en 1988. Narra a viaxe de Nmógadah, un mozo de dezaseis anos, un dos Príncipes Segredos das terras de Arnoia, na procura de aventuras. Entre os escenarios que figurarán nesta proposta audiovisual figuran o alcázar de Milmanda, a ponte de Freixo, Cortiña Grande, Castromao, os ríos Arnoia e Tuño e a Chaira, entre outros.

Nos últimos meses alumnado da Universidade de Vigo estivo traballando na adaptación en formato de videoxogo dunha novela de SaramagoA Viaxe do Elefante, que relata o traslado dun elefante dende Portugal ata Valladolid en pleno século XVI, agasallo do rei João III de Portugal ao seu curmán, o arquiduque Maximiliano de Austria.

 

O proxecto, apoiado pola Deputación de Ourense, está dirixido por Antonio Piñeiro, coordinador cultural no Concello de Celanova © Deputación de Ourense
Capa de 'Arnoia, Arnoia' © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.