O submarino de Sanjurjo Badía celebra os seus 120 anos na ría de Vigo

A boia submarina, sendo trasladada á auga nunha das súas probas Dominio Público Familia Sanjurjo

Era o ano 1898. No contexto do conflito militar entre España e os Estados Unidos o inventor Antonio Sanjurjo Badía desenvolveu un artefacto pensado para protexer a ría de Vigo dun hipotético ataque estadounidense. Tratábase dunha especie de submarino lanzatorpedos, que probou por primeira vez o 11 de agosto na poza de Guixar. Aquel día -así o recollen as crónicas xornalísticas da época- o aparello mergullouse a 20 metros de profundidade durante hora e media e despois realizou unha nova inmersión de 45 minutos. A "boia submarina", como se denominou, tiña unha autonomía de 5 horas e movíase a dúas millas por hora e neses primeiros ensaios o propio Sanjurjo Badía e outros operarios da súa fábrica.

O submarino de Sanjurjo Badía non chegou a utilizarse. Poucos meses máis tarde (o 10 de decembro de 1898) España e os Estados Unidos asinaron o Tratado de París que poñía fin á guerra entre os dous países. Porén, o aparello ficou como un chanzo máis no desenvolvemento do submarino, uníndose a nomes coma os de Cosme García Sáez, Narciso Monturiol ou Isaac Peral. O enxeño quedou depositado na fábrica propiedade de Sanjurjo Badía, ata que os seus descendentes o cederon ao Museo do Mar de Galicia (en Alcabre, Vigo), onde está exposto.

Este venres, para conmemorar o 120 aniversario daquelas probas, os seus descendentes realizarán unha homenaxe pública, que comezará ás 11 horas no propio Museo do Mar, coa presenza de representantes institucionais. A continuación, ao redor de 200 familiares de Sanjurjo Badía celebrarán un xantar no Parador de Baiona.

 

O "Habilidades"

Para conmemorar o 120 aniversario daquelas probas, este venres os seus descendentes realizarán unha homenaxe pública no propio Museo do Mar

Antonio Sanjurjo naceu en Sada en 1837. Fillo de reloxeiro, emigrou a Cuba con 16 anos, regresando cinco anos despois e instalándose en Vigo, onde abriu un obradoiro que se especializou na construción e reparación de máquinas de vapor e de buques. Chamouno primeiro La Fundidora e, posteriormente, La Industriosa. A súa pericia fíxoo merecedor do alcume de "Habilidades", como xa era coñecido seu pai. Durante décadas desenvolveu numerosas actividades, participando na posta en marcha da primeira fábrica de papel continuo de Galicia, impulsando unha liña de autobuses entre Santiago e A Coruña (La Regional) ou conseguindo levar auga corrente á Illa de San Simón. La Industriosa, dende 1880 nunhas instalacións de maior tamaño, converteuse nun dos estaleiros máis importantes da ría de Vigo.

Nas súas fábricas impulsou unha irmandade de traballadores onde outorgaba aos seus empregados un seguro de enfermidade, un salario vitalicio tras a xubilación e descanso dominical. Foi concelleiro en Vigo sendo alcalde Antonio López de Neira. E aínda en vida (en 1921) foi homenaxeado polos concellos de Vigo e Lavadores, que lle puxeron o seu nome a unha rúa (un treito da nova estrada entre Vigo e Teis), que se mantén na actualidade. Finou en 1922 ao 85 anos de idade e os seus restos repousan no cemiterio de Pereiró. Como curiosidade, a empresa que creou en 1860 segue existindo, en mans dos seus descendentes, co nome de Funditesa Sanjurjo, centrada na construción de pezas para motores de barcos.

 

O propio Antonio Sanjurjo Badía, no interior do seu enxeño Dominio Público Familia Sanjurjo
O submarino, exposto no Museo do Mar © Familia Sanjurjo
Logo da celebración do 120 aniversario do invento © Familia Sanjurjo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.