Mantense controlado o incendio que queimou unhas 1.600 hectáreas no Barco e en Rubiá

O lume, ao carón das casas na Veiga de Cascallar CC-BY-NC Concha Fernández

Un mínimo de 1.600 hectáreas queimadas nun enorme incendio que empezou o venres no Barco e avanzou cara ao concello veciño de Rubiá. Máis de cinco núcleos de poboación desaloxados, veciños evacuados e numerosos danos materiais nunha loita interminable contra un lume que se daba por controlado o venres pero que acabou por converter nun inferno a comarca de Valdeorras. Centos de efectivos, coa axuda da Unidade Militar de Emerxencia (UME) loitaron contra un incendio que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dá por "controlado" e que espera dar por extinguido "en poucas horas". Unha nova traxedia máis que non por cotiá deixa de sorprender nun país que soporta cada verán as lapas que destrúen os seus bosques.

"Estamos relativamente esperanzados de poder dar en poucas horas a noticia da extinción definitiva", asegurou o domingo Feijóo, que asegura que o número de hectáreas queimadas darase nos vindeiros días, tras asegurar que foi o lume que más efectivos mobilizou nos últimos tempos. O lume, segundo a Consellería de Medio Rural, quedou controlado sobnre as 3 da tarde do domingo. No seu último comunicado, deste luns, a Xunta insiste en que o lume mantense controlado e que a cifra total de hectáreas queimadas facilitarase proximamente. Os labores céntranse agora en humedecer a zona para evitar que se reaviven as lapas, mentres a zona e os veciños recuperan a normalidade logo de tres intensos días de loita contra o lume.

Porque o lume avanzou descontrolado desde O Barco e cara a Rubiá, especialmente o pasado sábado. Efectivos de extinción intentaron controlar o incendio que xa obrigara a desaloxar as vivendas de varios núcleos de poboación, os último na Veiga de Cascallá e o Barrio de Cascallá, en Rubiá, onde os veciños aseguraban o sábado que o lume estaba "totalmente fóra de control" e que incluso "saltaba regatos" ao tempo que se achegaba ás casas, que en moitos casos "corren perigo". "Os de Protección Civil xa nos avisaron que botásemos auga do redor se podíamos e que abandonásemos a aldea; primeiro os nenos e logo as persoas maiores", dicía unha veciña do lugar, Concha Fernández, a Praza, mentres se escoitan os sons dos efectivos contraincendios e familias enteiras son trasladadas ao pavillón municipal.

"O problema é que o monte está abandonado e non se pode botar a culpa aos propietarios cando a media de idade é de 75 anos", asegura a veciña da Veiga, que contaba a última hora do sábado que os peores problemas están agora nos lugares do Barrio e O Castelo.

Os veciños de varias localidades desaloxadas botan a culpa ao "abandono do monte"

O incendio, que comezou o xoves e que renaceu o venres tras ser apagado, queimou xa máis de 1.600 hectáreas, tal e como recoñecía a Xunta. O departamento autonómico, na súa información deste domingo á mañá, mantiñao 'Nivel 1' de alerta e aseguraba que malia "non estar tecnicamente ontrolado" a evolución do lume "é favorable" porque "está estabilizado". No entanto, os equipos de extinción si daban a primeira hora da tarde o lume por controlado.

O Executivo lembra tamén que foi preciso desaloxar durante estes días os veciños das aldeas de Raxoá e Millarouso, mentres que logo foron os da Veiga de Cascallá, Barrio do Cascallá e Vilar de Xeos-Quereño, en Rubiá, os que abandonaron a zona. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou a zona tres días despois do comezo do lume, un lugar ao que tamén acudiu o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.

A Xunta recorda que foron a intensidade e os cambios de dirección do vento os que dificultaron as tarefas de control do lume do Barco de Valdeorras e incluso insistían o sábado que as 1.200 hectáreas queimadas eran un dato provisional porque o lume "seguía avanzando". "A situación está complicada porque o vento cambia de dirección e fai cambiar a estratexia, imos a contrarreloxo para aproveitar os medios aéreos durante o día", recoñecía o Executivo a través da súa conta de Twitter.

Nos traballos de control deste incendio participan dous técnicos, oito axentes forestais, 24 brigadas, nove motobombas, unha pa, seis helicópteros, 11 avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencia (UME). Ao seu paso por varias zonas de Valdeorras, o incendio levou por diante tendido eléctrico, pasarelas peonís, dúas casas e varios palleiros.

O alcalde do Barco pide á Xunta un plan "serio" de protección dos núcleos rurais en todo o país

O alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, esixiu á Xunta que aplique un plan "serio" de protección dos núcleos rurais en toda Galicia. Nun comunicado, reclamou á Consellería de Medio Rural que usque un pacto de Estado que "garanta que, a principios de xullo, exista unha delimitación clara nos núcleos rurais, a modo de zanxa, que protexa as vivendas".

O PSdeG, pola súa banda, recriminou a Xunta que os recortes en prevención puxeron en perigo os veciños do Barco. Así, censuran que o incendio de Valdeorras dérase por controlado o venres, pero un cambio da situación meteorolóxica volveu reactivalo, "o que demostra que non existiu un verdadeiro control no seu apagado".

Ademais, un incendio que comezou o sábado á tarde no concello lucense de Navia de Suarna segue activo este domingo e queimou xa unhas 40 hectáreas.

Comunicado conxunto de AGA, SLG, Verdegaia e a Plataforma das Fragas

Por outra banda, un comunicado conxunto de SLG (Sindicato Labrego Galego), AGA (Asociación Galega de Apicultura), Verdegaia e Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume amosa a súa "solidariedade" coas vítimas do gran incendio do Barco de Valdeorras e denuncia "a inoperancia da Xunta para prever e extinguir os lumes forestais" que, nas súas palabras, estanse a converter "nunha auténtica praga que esquilma o medio ambiente forestal, produce
grandes perdas económicas e pon en perigo a integridade física das persoas, cada vez con máis frecuencia".

SLG, AGA, Verdegaia e Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume denuncian "a inoperancia da Xunta" ante os incendios

Ademais, o escrito censura tamén a política do Executivo galego porque "aposta por medidas contrarias á explotación racional do monte e favorece de xeito indirecto a praga dos incendios forestais". Segundo as catro asociacións, a proba máis clara disto é "a aprobación da Lei de Montes ou o borrador de cultivos enerxéticos forestais". Do mesmo xeito, denuncian "as políticas da UE, Goberno central e Xunta" porque "tenden ao abandono do medio rural co peche de explotacións agrarias e gandeiras" o que favorece "a expansión dos lumes e a imposibilidade do seu control".

Xa por último, o comunicado critica a redución nas partidas orzamentarias na prevención e extinción de incendios o que conleva "menos medios materiais e humanos para o control e prevención dos lumes".

Os catro colectivos deciden crear unha organización nacional para reclamar actuacións que rematen coa praga dos lumes

Os catro colectivos aclaran tamén que decidiron sumar os seus esforzos e crear unha organización nacional galega permanente que teña como fin "vixiar, debater e propoñer, denunciar e mobilizar no intento de forzar actuacións e medidas políticas que rematen dunha vez coa praga incendiaria que todos os anos asolan Galiza e que nos últimos 40 anos suman tantas hectáreas como se o territorio galego tivera ardido unha vez na súa totalidade".

"As catro organizacións facemos un chamamento á sociedade civil e as distintas organizacións (culturais, deportivas, veciñais, sindicais, políticas, cooperativas, persoas a titulo individual, ….) para organizarse e mobilizarse e presionar as distintas instancias administrativas e políticas para que dunha vez por todas se tomen as medidas precisas para combater e preveer de xeito efectivo a praga dos incendios forestais na Galiza", rematan.

Lume no incendio do Barco Dominio Público @isolasdelasolas
O lume, ao carón das casas na Veiga de Cascallar CC-BY-NC Concha Fernández
Imaxe dun incendio desde o aire Dominio Público @BrifLaza
Restos tras o incendio no cemitorio de Castelo, en Rubiá Dominio Público @Albisssima

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.