O PSdeG acusa a Feijóo de "desaparecer" durante o incendio do Barco

Feijóo, durante a súa visita ao incendio do Barco © Xunta

O PSdeG cualificou este luns a Núñez Feijóo o "presidente inexistente" por permanecer "desaparecido" durante o grave incendio do Barco, que afectou a polo menos 1.500 hectáreas e obrigou a desaloxar varias parroquias da comarcar de Valdeorras. O portavoz do grupo socialista, Abel Losada, acusou o xefe do Executivo de só presentarse “para dar o pésame cando (o lume) estaba en vías de solución”. 

"Feijóo desaparece cando hai problemas, busca responsables externos e prepara un espectáculo para colgarse a medalla"

O voceiro socialista asegura que a estratexia de Feijóo consiste en “desaparecer cando hai problemas, buscar responsables externos e preparar un escenario teatral de corte mediático para colgar a medalla cando remata o problema co traballo de outros”. Este foi, segundo Losada, a secuencia do incendio do Barco, que cre que amosou o “fracaso da política preventiva da Xunta”.

O PSdeG lamenta que Feijóo "non fose tan dilixente como en 2006, cando cooperou na extinción de incendios cunha mangueiriña"

Ademais, o parlamentario socialista lamentou que Feijóo nesta ocasión “non fose tan dilixente como en 2006, cando cooperou coa extinción de incendios”, dixo ironicamente, amosando a imaxe de Feijóo apagando un incendio cunha "mangueiriña". Para o PSdeG, a realidade é que houbo "un lume de nivel 1, moi grave, con cidadáns en perigo e vivendas arrasadas polo lume no corazón da provincia de Ourense”.

Segundo os socialistas, as graves consecuencias deste incendio son froito da "decisión da Xunta de recortar en políticas preventivas, protección de núcleos habitados e reducir as franxas de protección forestal". "E agora coñecemos que están privatizando os servizos de extinción”, rematou.

Feijóo, durante a súa visita ao incendio do Barco © Xunta
Lume no incendio do Barco Dominio Público @isolasdelasolas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.