0 Gardados para despois

Cemma realizará embarques abertos ao público en agosto e setembro para ver cetáceos

Redacción | @prazapublica

A Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) comezará este xoves unha serie de embarcamentos abertos ao público para o avistamento de cetáceos nas augas galegas. O primeiro deles partirá hoxe dende Vigo, onde haberá dous máis o 30 de agosto e o 8 de setembro. Dende O Grove partirán o 27 de agosto, o 5 e o 10 de setembro. Para a maioría (agás a do 10 de setembro no Grove) xa están cubertas todas as prazas, aínda que a entidade programará máis saídas durante o mes de setembro

Dende o ano 2003 ata o ano 2011 a CEMMA levou a cabo 125 embarques, cunha media anual de 14, nos que realizou 398 avistamentos de cetáceos, cunha relación media dun avistamento cada 2,4 h de navegación ou 28,6 km percorridos. A falta de financiamento truncou ese traballo e nos seguintes anos realizáronse tan só campañas de fotoId e campañas puntuais e sen continuidade. Agora a CEMMA quere recuperar as campañas sistemáticas de monitorización de cetáceos.

O obxectivo principal deste proxecto é o de incorporar información sobre a presenza e distribución dos cetáceos da plataforma de Galicia mediante a monitorización a través da realización de embarques. As persoas que participen -socias de CEMMA ou non- compartirán os gastos das saídas. Calquera persoa pode participar independentemente dos seus coñecementos sobre o mar, cetáceos ou campañas. As persoas que se inscriban recibirán información sobre os criterios do estudo e unha formación técnica mínima sobre educación ambiental mariña, en xeral, e sobre os mamíferos mariños en particular.

Estas campañas son as únicas en Galicia actualmente autorizadas expresamente como actividade de avistamento de cetáceos pola Secretaria de Estado de Medio Ambiente, Ministerio para la Transición Ecológica, destacan dende CEMMA, que subliñan que aínda que este tipo de saídas "presenta certas limitacións espaciais e temporais" son "unha boa oportunidade de continuar cos traballos de distribución e densidade de cetáceos comezadas en Galicia a principios do século XXI".

 

A CEMMA

Nos últimos tempos son cada vez máis frecuentes os avistamentos de grandes cetáceos nas augas galegas. Non só de baleas azuis, aínda que como é lóxico é este o animal que máis chamou a atención da opinión pública. Rorcuais comúns, rorcuais de ás brancas, rorcuais boreais, xibardas..., ademais de toniñas ou arroaces, converten a nosa costa nun excelente punto para o estudo e a observación de numerosas especies mariñas.

Dende os anos 90 a CEMMA traballa no estudo e recuperación de cetáceos e outros animais. Constituída legalmente en maio de 1992 pero cun par de anos previos de traballo no Museo Luis Iglesias de Historia Natural, da Universidade de Santiago, a CEMMA é desde finais desa década, grazas a convenios coa Xunta, a única organización responsable da recuperación dos mamíferos mariños que aparecen varados na costa galega. Desde febreiro de 2003 a CEMMA conta cun local propio en Nigrán e emprega habitualmente para unha segunda fase de recuperación dos animais as instalacións que o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) ten na Illa de Arousa, ou o acuario do Grove. O pasado mes de xuño a entidade rescatou o seu golfiño número 3.000.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.