0 Gardados para despois

O campamento de Penedo dos Lobos revela a presenza militar romana máis antiga documentada en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A intervención no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda), levada a cabo durante a pasada semana polo colectivo de investigación romanarmy.eu, permitiu descubrir a presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e que podería vincularse cronoloxicamente á época das Guerras Cántabro-Astures. A campaña arqueolóxica, dirixida polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte. localizou material militar romano, as características chatolas das sandalias romanas (caligae) e moedas acuñadas por Publio Carisio (quen fora legado do primeiro emperador Octavio Augusto durante as Guerras Cántabro-Astures) entre o 25 e o 22 a.C. para pagarlles aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas.

O terreo atópase afectado nestes momentos por un plan de repoboamento forestal que -de levarse a cabo- danaría de maneira irreversible este sitio arqueolóxico de grande relevancia para a historia de Galicia

Estes achados sitúan a construción do campamento romano de Penedo dos Lobos nun horizonte cronolóxico anterior ao cambio de era e posiblemente coetáneo ás Guerras Cántabro-Astures, coas que o Imperio romano rematou a conquista de Hispania. Ata o momento, numerosos especialistas consideraban que a zona de Galicia estivera á marxe do conflito. O equipo de investigación a "gran relevancia histórica" da descuberta realizada, que permite coñecer os inicios da romanización neste territorio. Aínda que non é posible polo momento determinar cal era a misión do continxente militar instalado en Penedo dos Lobos, os achados dos últimos anos redefinen o coñecido sobre esta época e axudan a contextualizar unha presenza militar romana no noroeste máis ampla e diversa do coñecido ata o momento.

O colectivo romanarmy.eu comunicoulle en febreiro de 2007 á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a existencia do campamento romano. Porén, durante a intervención arqueolóxica tívose coñecemento de que o terreo se atopa afectado nestes momentos por un plan de repoboamento forestal que -de levarse a cabo- danará de maneira irreversible este sitio arqueolóxico de grande relevancia para a historia de Galicia.

Trátase dun dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular, como xa salientou o equipo a pasada semana. Entre outras cousas, conserva as catro entradas orixinais de entrada ao recinto e case a totalidade do perímetro da muralla defensiva, en boa medida por ter sido construído con pedra (cando o habitual era empregar materiais máis perecedoiros) e tamén polo carácter illado do xacemento. O campamento fora descuberto por un veciño da comarca, Rubén F. Lorenzo Pérez, quen comunicou ao colectivo romanarmy.eu a existencia dun recinto de alta montaña de peculiares características. O reconto atópase moi preto da Estación de esquí de Cabeza de Manzaneda e foi tradicionalmente unha zona de pastoreo con vexetación que dificultaba a súa identificación.

O seu tamaño -2,34 has- defíneo como un campamento de reducidas dimensións con capacidade de acoller ata mil soldados. Penedo dos Lobos foi ocupado durante un período curto de tempo, aínda que os especialistas consideran que podería non corresponderse tanto a un campamento de marcha –construído para descansar durante unha ou dúas xornadas- como a un campamento estacional, que servise durante un período máis prolongado de tempo (semanas ou incluso un mes) a un continxente militar romano cunha misión específica que aínda se descoñece.

 

Difusión pública da investigación

Durante moito tempo considerouse que as zonas da actual Galicia e norte de Portugal ficaron alleas ás campañas militares da conquista romana, que se terían desenvolvido case exclusivamente en Asturias, León e Cantabria. Algo que os novos achados comezan a cuestionar

A intervención arqueolóxica no Penedo dos Lobos foi retransmitida diariamente a través de Internet por parte do colectivo romanarmy.eu, mediante vídeos en directo e formatos innovadores de comunicación científica. Así mesmo, realizáronse visitas guiadas ao sitio tanto con integrantes dos campamentos xuvenís de Cabeza de Manzaneda como abertas ao público xeral, con numerosa presenza de público, e tamén unha charla informativa, o sábado pola tarde. A campaña arqueolóxica rematou o pasado sábado e está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da USC.

O colectivo de investigación romanarmy.eu reúne a un conxunto de arqueólogos profesionais, investigadores e profesores universitarios das universidades de Santiago de Compostela, Oviedo, Minho (Portugal), Durham, Exeter, Edinburgo (Reino Unido) ou Leiden (Holanda), que estudan a presenza do exército romano no noroeste da península ibérica, poñendo énfase nos episodios de conquista e invasión que remataron co dominio romano efectivo de toda Hispania nos tempos do emperador Octavio Augusto. Nos últimos anos, o colectivo está a localizar numerosos campamentos romanos, ata agora inéditos, no territorio da antiga Gallaecia, ofrecendo unha nova visión sobre a presenza das lexións romanas neste territorio. Durante moito tempo considerouse que as zonas da actual Galicia e norte de Portugal ficaron alleas ás campañas militares da conquista romana, que se terían desenvolvido case exclusivamente en Asturias, León e Cantabria. Algo que os novos achados comezan a cuestionar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.