Vas á praia? Mira primeiro o móbil

Captura de pantalla da aplicación © Selma C. Scharpf

Que tempo vai facer o venres na Lanzada? A que temperatura vai estar a auga o sábado? Vai haber ondas en Razo? Meteoplayasunha aplicación para Android, permite coñecer para os vindeiros tres días o tempo xeral, a temperatura, a velocidade do vento, as precipitacións, a temperatura do mar e a altura das ondas de máis de 800 praias de toda Galicia.

A aplicación, gratuíta, foi desenvolvida pola compostelá Selma Cabo Scharpf a partir dos modelos numéricos desenvolvidos por MeteoGalicia e dunha listaxe de praias elaborada por Intecmar. A aplicación permite seleccionar as túas praias favoritas, para unha consulta máis doada e pódese descargar na play store directamente para a súa utilización en móbiles Android.

Pero non é esta a única aplicación lanzada recentemente que pode ser de utilidade este verán en Galicia. Os portos deportivos da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA) presentou este luns as súas novas ferramentas de información para a rede e dispositivos móbiles. A aplicación de ASNAUGA permite saber onde se atopan situadas as instalacións e os clubes, así como os seus portos deportivos e que servizos teñen, ademais dos puntos de interese turístico. A aplicación gratuíta, xa dispoñible para Android e que nunhas semanas tamén o estará para os iPhones, permite atopar portos no mapa, consultar información e imaxes sobre un porto en particular e reservar estancias directamente dende a aplicación, que foi desenvolvida pola compañía viguesa Dosmasdos.

 

Ducias de aplicacións

Pero non son as únicas aplicacións das que podemos sacar proveito este verán. Dende hai un tempo e tamén de forma gratuita, podemos atopar Galicia Viva, con información dos espazos protexidos de Galicia e a posibilidade de descargar imaxes. Tamén ferramentas para coñecer o estado do tempo atmosférico, coma O tempo en Galicia ou Datos Meteo Galiza. De igual xeito a moi interesante Mareas de Galicia con datos sobre as horas e alturas das mareas nos principais portos da comunidade.

E como non todo vai ser mar, tamén hai aplicacións sobre as festas en Galicia en festas 2012, sobre as orquestras en Orquestas de Galicia, para saber onde vai tocar esta semana a túa orquestra favorita e mesmo unha aplicación especifica sobre o Resurrection Fest 2012 que recentemente se celebrou en Viveiro.

Outras aplicacións de interese en calquera momento son as desenvolvidas pola empresa Arriva para coñecer as rotas e horarios dos seus autobuses ou a guía de restaurantes Restaurantes Gallegos, con información de máis de 500 establecementos. Tamén relacionada coa gastronomia está Vexetais, unha guía dos establecementos de restauración e turismo rural con oferta vexetariana e vegana en Galicia.

Captura de pantalla da aplicación © Selma C. Scharpf
Captura de pantalla da aplicación © Selma C. Scharpf

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.