0 Gardados para despois

O alumnado dos mestrados impartidos en Galicia multiplicouse por dez na última década

Redacción | @prazapublica

As recentes polémicas sobre os máster de Cristina Cifuentes, Pablo Casado ou Carmen Montón puxeron de relevo na opinión pública o debate sobre o funcionamento sobre este tipo de estudos de postgrao. En 2007 España incorporouse ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), máis coñecido como Plan Boloña, popularizando os máster, cunha duración de 1 ou 2 anos (entre 60 e 120 créditos) e un custo notablemente superior ao dos graos nas universidades públicas. O pasado curso nos 157 mestrados impartidos nas tres universidades galegas matriculáronse un total de 5.736 estudantes, unha cifra que non deixou de crecer dende o ano 2007, cando eran apenas 583 alumnos e alumnas.

Os e as estudantes de máster en Galicia supoñen xa o 11% do total de universitarios e universitarias (51.861)

O número de matrículas creceu rapidamente entre ese ano e o 2014 (5.501), aínda que nos últimos cursos o incremento ralentizouse notablemente. De igual xeito, o número total de másters impartidos acadou o seu máximo no curso 2014-2015 (197) e dende entón reduciuse ata os 148 no curso 2017-2018. En calquera caso, os e as estudantes de máster en Galicia supoñen xa o 11% do total de universitarios e universitarias (51.861), unha cifra que na última década experimentou un rápido descenso, dende os 70.812 do curso 2006-2007.

No conxunto de España o número de estudantes de máster é moi superior, acadando no curso 2016-2017 os 184.745 matriculados e matriculadas, representando Galicia apenas o 3% do total. Ademais, mentres nas tres universidades galegas o número de matrículas case non variou nos últimos tres cursos, no conxunto do Estado segue medrando a un ritmo do 10% anual.

Galicia apenas representa o 3% das matrículas de máster no conxunto de España

Os mestrados convertéronse nunha importante fonte de financiamento para as universidades, necesitadas de ingresos ante os recortes orzamentarios dos últimos anos. O prezo do máster mantívose, iso si, relativamente estable e de feito o custo medio dos créditos (para másters non habilitantes) case non variou en Galicia, pasando dos 23,80 euros do curso 2008-2009 ata os 26,49 euros do curso 2016-2017. Pola contra, no conxunto do Estado, o prezo medio de cada crédito pasou neste tempo de 24,16 euros a 37,54 euros. Con ese prezo medio de 26,49 euros un máster de 60 créditos (o mínimo legal) situaríase nos 1589,4 euros e un de 120 créditos chegaría aos 3178,8 euros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.