0 Gardados para despois

"Parece que os videoxogos son cousa duns frikis, pero esta industria move máis cartos que o cine"

Redacción | @prazapublica

Vén de nacer Morcego, a primeira revista dixital de videoxogos en galego, que se presenta como "un proxecto xornalístico que pretende informar dunha maneira veraz sobre unha das industrias culturais máis importantes dos nosos tempos". O seu impulsor é Carlos Pereiro, que botou a andar a revista en colaboración con Brais Capelán, con espazos de actualidade, análise e crítica, opinión, eSports e mesmo unha zona retro para os xogos doutras épocas. Conta que escolleu Morcego como nome buscando unha palabra que identificase de inicio o proxecto como un xornal en galego e, ademais, porque a silueta deste animal recorda a un dos mandos cos que se xoga nas consolas.

Os videoxogos están presentes en todos os fogares, en todos os dispositivos e na actualidade moven tantos ou máis cartos que outras industrias culturais, como o cine ou a música. Son determinantes, ademais, na formación e na socialización de mozos e mozas e tamén na determinación dos seus hábitos lingüísticos, como lembraba este mesmo mércores o estudo A lingua no CEIP Agro do Muíño, que analizou as actitudes cara ao idioma dos nenos e nenas deste centro de ensino de Ames. Poden ter, igualmente, un papel importante e se cadra aínda non explorado suficientemente, no ensino. Falamos con Carlos Pereiro.

"É un tema moi mal tratado na información diaria e é moi difícil colocar novas sobre videoxogos ou críticas de novas producións, ao igual que si se atopan críticas de estreas de cinema"

Por que decidistes poñer en marcha Morcego?

Nace, en primeiro lugar, dunha necesidade. Non atopaba o sitio nos medio xeralistas para falar de videoxogos. É un tema moi mal tratado na información diaria e é moi difícil colocar novas sobre videoxogos ou críticas de novas producións, ao igual que si se atopan críticas de estreas de cinema. Ademais, non había un medio especializado en galego, pois o único que existía desapareceu e creo que era importante retomar esa idea.

En que seccións, contidos ou temas ides facer fincapé?

Un pouco de todo. É certo que nos últimos días me preocupei sobre todo por publicar novas, que a xente poida ler en galego as cuestións máis importantes da actualidade do sector. Pero queremos facer fincapé tamén en reportaxes amplas para explicar determinados procesos, cousas que marcaron un antes e un despois nun determinado tema...

E en galego, porque en galego tamén se pode falar de videoxogos e tecnoloxía, non si?

Si, para min é unha información cultural máis. Parece que os videoxogos só son portada cando están relacionados con algún tema negativo. Parece que segue sendo cousa duns frikis, pero a realidade é que esta industria move máis cartos que o cine. Ou é que hai moitos máis frikis do que pensamos, ou non nos saen as contas. A realidade é que a maior parte da xente xoga a videoxogos. Que casa hoxe en día non ten unha consola, ou un ordenador ou un móbil?

"O sector goza de boa saúde en Galicia. Hai moita xente que está impulsando proxectos, e entre eles hai que destacar o estudio Gato Salvaje, na Coruña"

Os videoxogos son unha das industrias culturais máis importantes. Como valoras o desenvolvemento do sector en Galicia?

Eu creo que o sector goza de boa saúde. Hai moita xente que está impulsando proxectos, e entre eles hai que destacar o estudio Gato Salvaje, na Coruña, que está traballando en The Waylanders, o xogo máis potente feito en Galicia nunca. Ou por exemplo Ramón Méndez, un tradutor de videoxogos que traballou xa en máis de 600 proxectos. E moitas outras persoas, se cadra máis anónimas, pero que forman parte desta industria. Galicia está presente no sector.

Cales van ser as noticias máis importantes dos vindeiros meses no sector? De que se vai falar?

Sobre a mesa está a nova xeración de consolas: a PS5, a nova Xbox... que veremos nos vindeiros dous anos. Isto provocará un boom e determinará como se moverá o mercado nos vindeiros cinco ou seis anos. Despois están os xogos no móbil, e a pregunta é se o futuro vai por aí; dende logo, xa vimos casos nos que un xogo móbil moi potente fixo parar o mundo, como co Pokemon Go. Falarase moito tamén da realidade aumentada e das posibilidades que teña para os xogos. E, igualmente, da realidade virtual, que o problema que lle vexo para a súa popularización é que os usuarios necesitan mercar un dispositivo máis e iso aínda non está ao alcance de todo o mundo.

Hai un videoxogo para cada tipo de persoa?

Paréceme unha boa reflexión, si. Ao final, é coma o cine ou a música. Hai a quen lle gustan as comedias románticas e hai quen prefire un thriller, todo o mundo atopa o seu nicho. Pode haber un xogo tan sinxelo coma o Tetris ou o Angry Birds, e despois outros superproducidos, como The Last of Us ou Metal Gear Solid, que contan con millóns de dólares de orzamento. Cada persoa vai atopar o seu xogo e quen di que non lle gustan, se cadra é que aínda non atopou o seu.

Seguen demonizados os xogos? Son violentos?

Hai xogos que poden ser violentos; dende logo, hai xogos nos que hai violencia. A cuestión é se xeran comportamentos violentos na xente. Pode que houbera algún caso no que unha persoa cometeu algún acto violento despois de xogar a un xogo, pero seguramente tamén pasou con algún libro ou algunha película e dende logo tamén o fútbol pode promover a violencia. Pero fronte a un caso no que pasou isto, atopamos cen mil xogadores que nunca cometeron un acto de violencia. Eu xoguei moito ao GTA, onde atropelas xente e podes atracar un banco, pero nunca me deu por facer isto por Pontevedra. O mesmo que podo ler O Señor dos Aneis e non me dá por ir a cabalo cunha espada.

"Pode que houbera algún caso no que unha persoa cometeu algún acto violento despois de xogar a un xogo, pero seguramente tamén pasou con algún libro ou algunha película e dende logo tamén o fútbol pode promover a violencia"

Esquécese tamén as posibilidades que os videoxogos ofrecen para a educación?

Dende logo, ás veces o ensino e o ocio van da man, tamén hai libros que serven para xogar con eles. Nos videoxogos hai un aspecto que é indubidable e que está máis que demostrado: son moi bos para a aprendizaxe de idiomas. Hai anos, cando non chegaban aquí xogos traducidos, aprendías moito inglés a forza de xogar a un xogo. E tamén hoxe escoitas falar en inglés aos protagonistas dos xogos e falas en inglés con outros xogadores. Isto é como ver as series ou as películas en versión orixinal. Os xogos achegan tamén valores moi importantes, ou un contexto histórico co que se aprende moito.

Marvel's Spider-ManRed Dead Redemption 2 e Forza Horizon 4, as súas recomendacións

E para rematar. Danos un par de recomendacións de xogos (actuais) e un par de xogos de hai un tempo (retro ou non tanto). Cales son os teus favoritos?

Vou facer tres recomendacións que considero que son compras seguras. Un, que xa saíu, é o Marvel's Spider-Man para PS4; é unha pasada, moi divertido, para toda a familia, é unha tolemia velo na televisión, é un deses xogos que sorprenden cando o ves. O segundo, o Forza Horizon 4, que vai saír agora en outubro, un xogo de coches, ideal para quen lle guste a condución. E o terceiro, o Red Dead Redemption 2, que sairá a finais de outubro, que promete moitísimo e xa se fala del como “o xogo da década”, ambientado no salvaxe oeste e cun gran realismo; é dos creadores do GTA, o cal é unha garantía.

E se teño que elixir un xogo clásico, diría o Metal Gear Solid, do que son fan dende o primeiro, en 1998. Ou o Resident Evil, que van sacar agora un remake. Ou os Final Fantasy, o 7 ou o 9 por exemplo; son RPG magníficos e aínda que os gráficos estean xa moi superados, é bo volver a eles de vez en cando, seguen conservando un aura máxica. Coma o bo cine, como cando ves as primeiras películas de Star Wars. Os bos xogos non envellecen.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.