De profesión, cooperativista

Avelino Pousa Antelo © http://irdetapas.wordpress.com

O legado de Avelino Pousa Antelo é tan amplo, tanxible e intanxiblemente, que parece realmente complicado resaltar unha faceta súa por riba das demais. Porén, xunto co seu denodado espírito docente, a súa intensa produción xornalística e literaria e o seu carácter galeguista, o Lucho do Peto pasará a historia do país pola súa incansable defensa do cooperativismo agrario. Aí quedan Valen ou non as cooperativas de esplotación comunitaria pra o campo galego? e Galicia, tarefa urxente como testemuñas escritas do seu ideario. Aí queda a Granxa-escola de Barreiros (Sarria), como proba palpable da súa fe cega na importancia da educación agraria como semente de futuro.

Corría o final do anos corenta e don Avelino rotaba como mestre por escolas de toda Galicia. Ocupado como interino en Santa Comba, recibiu a proposta por parte do home de negocios Antonio Fernández López de dirixir unha escola rural que proxectaba levantar na parroquia de Ortoá, concello de Sarria. O noso home, cos medos propios de quen se lle é encomendado unha grande responsabilidade, tatexou uns segundos antes de aceptar. O seu soño ía cumprirse.

O 1 de febreiro de 1948 inaugurábase a Escola Agrícola da Granxa de Barreiros con Avelino Pousa Antelo como alma pater

Mais antes de lanzarse a acometer tal empresa, decidiu completar a súa formación. A Misión Biolóxica de Galicia, a Estación Pecuaria Rexional de Lugo, a Estación de Praticultura e Cultivos de Veiga, a Estación de Fitopatoloxía Agrícola e a Estación de Fruticultura de Logroño foron algunhas das paradas previas. Conta Valentín Arias que nesta época don Avelino recibiu, por parte do responsable dunha empresa de produtos lácteos, a oferta dun posto técnico de relevo. Pagáballe ata cinco veces máis do que cobraría dirixindo a escola. O resultado? O 1 de febreiro de 1948 inaugurábase a Escola Agrícola da Granxa de Barreiros con Avelino Pousa Antelo como alma pater.

A Granxa-escola era gratuíta e unisex. Acolleu rapazas e rapaces de entre seis e catorce anos de todas as parroquias da contorna –e incluso adultos que pensaban que nunca é tarde para aprender-. En total, don Avelino daba clase a unhas cen persoas cada día, aplicando fielmente o programa escolar confeccionado por el mesmo. Non estaba só. Axudábano unha mestra recén titulada que se encargaba dos alumnos de primeiro grao, e a súa muller, Nora, que lle ensinaba a coser e a cociñar aos adolescentes da contorna. Porén, o traballo de don Avelino non remataba en horario lectivo. Os sábados acudía ás casas dos pais dos seus alumnos e dáballes clases prácticas de tratamento de cultivos, muxido e hixienización do leite, elaboración de manteiga e queixo, tratamentos contra pragas e, en definitiva, de todo o que fixera falta. Tamén organizaba proxeccións de filmes de temática agrícola e gandeira os domingos pola tarde na escola, sesións de canto, teatro, bailes, etcétera.

As novas sobre a Granxa-escola de Barreiros chegaron incluso á emigración galega na América

En fin, que o desexo do financeiro da escola, don Antonio Fernández, de evitar calquera tipo de propaganda, foi inútil. As novas sobre a Granxa-escola de Barreiros chegaron incluso á emigración galega na América. Don Antonio non tivo máis remedio que implantar o modelo de Ortoá en outras escolas galegas. E Pousa Antelo, “culpable” do éxito, non tivo outra que programar a ensinar en “Cursiños de formación agropecuaria para mestres rurais” cada verán. A resultas desta experiencia, confeccionou o Cuestionario de ciencias físico-químicas, historia natural y agricultura para los maestros nacionales que asistieron a los cursillos agropecuarios, organizados por la Inspección Provincial de Primera Enseñanza de Lugo, publicado en 1949.

Dous anos despois, o propio autor correría cos gastos de edición do seu Temas de Galicia, unha guía práctica que funcionou como resumo de todo o ideario agrícola de Pousa Antelo.

 

Mestre e ensaísta

En total, sete anos e medio inzados de satisfaccións e, sobre todo, moito traballo, foron os que don Avelino dedicou a Granxa-escola de Barreiros. Logo, desacordos con Antonio Fernández e, quen sabe, interese propio en tomarse un respiro, decidiu voltar ao Maxisterio Nacional. As Illas Canarias foron o seu destino, e nin aló deixou de lado a docencia agrícola. Botou catro anos nun colexio da Orotava e, ademais, realizou –para o Cabildo, empresas ou veciños- ensaios de selección, obtención e adaptación de variedades de millo, de explotación froiteira, de loita contra enfermidades da pataca, etcétera.

Valen ou non as cooperativas de explotación comunitaria para o campo galego?, celme do seu ideario, figura entre as publicacións máis vendidas da historia da editorial Galaxia.

Xa no 59, decide deixar as Canarias e voltar á terra. É contratado por Semillas Selectas S.A. para a promoción dos seus produtos por toda Galicia. Ademais, non só non deixou de lado a súa faceta ensaística, senón que esta se revitalizou grazas ao contacto cos problemas que percibiu no agro galego en todas estas viaxes. No 61, concédeselle o Premio Ramón Mourente de xornalismo polo seu texto Producción agropecuaria de Galicia: ideas para modificar su estructura e incrementar el nivel de la renta campesina na publicación santiaguesa La Noche e, en 1963, o Premio Luís Sánchez Harguindey. Un ano despois pasa a organizar e dirixir a empresa Agropecuaria Industrial del Valle del Ebro (AIVESA), co que volve deixar atrás Galicia.

En Zaragoza titúlase Xerente de Empresas Cooperativas grazas á tese Cooperativa de explotación comunitaria para unha parroquia rural, publicada na Revista de Economía de Galicia, editada como volume independente en 1968 e ampliada baixo o título Valen ou non as cooperativas de explotación comunitaria para o campo galego? en 1971. Esta obra, celme do seu ideario, figura entre as publicacións máis vendidas da historia da editorial Galaxia.

Pousa Antelo concibe o cooperativismo non só como medio de produción (fronte ao capitalismo) senón case máis como filosofía de vida, pasando pola realización educativa (cooperación contra competición)

Nela, Pousa Antelo sintetiza en apenas 137 páxinas, apoiando con datos da época e cunha prosa sinxela propia da experiencia didáctica, o seu pensamento cooperativista. “As cooperativas son a gran posibilidade pra a Galicia rural: son a única posibilidade, penso que debemos dicir”, afirma don Avelino. Como acerta a sinalar Valentín Arias, Pousa Antelo concibe o cooperativismo non só como medio de produción (fronte ao capitalismo) senón case máis como filosofía de vida, pasando pola realización educativa (cooperación contra competición).

A resultas desta loita de toda unha vida, a Pousa Antelo recoñéceselle como “o mestre de Galicia”. Premios, galardóns, condecoracións, homenaxes sucedéronse e sucédense para honrar a este home que, preto ou lonxe da terra, estudou e traballou a partes iguais co único obxectivo de mellorar a calidade de vida dos galegos.

Avelino Pousa Antelo cunha das variedades de patacas, de meirande tamaño, das que promoveu a súa introdución en Galicia © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.