0 Gardados para despois

Mulleres con cancro de mama roldan o 90% de supervivencia e piden paliar a súa "desprotección" socioeconómica

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A taxa de supervivencia entre as mulleres galegas de entre 50 e 69 anos que padeceron cancro de mama entre 1996 e 2009 foi do 83,1% aos cinco anos de seguimento. Esta proporción elévase ata o 94,5% entre as que participan no Programa Galego de Detección Precoz desta doenza, que no pasado 2017 eran xa máis de oito de cada dez. Estas altas taxas de supervivencia, que xa roldan a media do 80% aos cinco anos segundo datos da Sociedade Española de Oncoloxía Médica, pon cada vez máis o foco na necesidade de, xunto á investigación e mellora nos tratamentos, mellorar a protección social e económica para as mulleres que padecen a enfermidade.

O 19 de outubro celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama, xornada na que abonda a información sobre este tipo de tumores, os máis frecuentes entre mulleres, así como a respecto da necesidade de prevención. No entanto, algunhas mulleres que o padecen botan en falta a atención ás circunstancias cotiás que acompañan o cancro de mama cando, por exemplo, imposibilita continuar coa vida laboral con normalidade. É o caso da viguesa Beatriz Figueroa, que nos últimos anos tornou en emblema na defensa dos dereitos das mulleres que padecen cancro de mama e, de pacientes oncolóxicos en xeral con reclamacións como o acceso a prestacións de incapacidade cando non poden seguir traballando.

Entre as mulleres galegas que padecen cancro de mama e participaron no programa de detección precoz a taxa de supervivencia aos cinco anos achégase ao 95%

Figueroa rexeita tamén a "cultura rosa" xerada en torno a esta data simbólica porque nela non atopa "a ira e a dor" que, din, padecen pacientes oncolóxicos por mor da "desprotección socioeconómica". Grazas ao seu activismo Beatriz recibe numerables testemuños de mulleres que pasan ou pasaron pola súa mesma situación. É o caso de Marga Prado, que en 2010 padeceu o seu segundo cancro, neste caso de mama. "Cando se reincorporou á empresa" na que traballaba "foi despedida" e o pasado ano tivo que volver ser operada. "Despois de 17 anos cotizados depende totalmente da renda do meu marido, que vive e traballa fóra de Vigo durante a semana, atopándome soa para levar adiante o coidado dos fillos e o meu propio" e aínda "tento por todos os medios incorporarme de novo ao mundo laboral", di o testemuño de Marga recollido por Beatriz.

A galega Beatriz Figueroa tornou en símbolo da loita pola "supervivencia digna" das pacientes oncolóxicas

Tras cinco anos de reinvidicacións, Beatriz Figueroa coida que a loita "segue a ser necesaria". Non en van, subliña, datos recentes da Asociación Española contra o Cancro acreditan que "o cáncer empobrece ata a exclusión social". Esta é unha das batallas da plataforma Jóvenes Pensionistas, composta por persoas que se viron incapacitadas para traballar moito antes da idade de xubilación. A voceira en Galicia desta organización é a propia Beatriz, que avanza que seguirá a clamar por unha "supervivencia digna".

A importancia da prevención e da investigación

Unha investigadora do grupo BREOGAN / USC

O grupo de investigación BREOGAN, con participación de varias entidades públicas galegas, participou no proxecto que duplicou as variables xenéticas coñecidas que contribúen ao risco de padecer cancro de mama

Os datos do Programa Galego de Detección Precoz acreditan a importancia da prevención do cancro de mama. O Programa comezou en 1992 chamando a revisións ás mulleres de 50 a 64 anos e dende 2006, na liña das recomendacións da UE, estendeuse ata mulleres de 69 anos. As mulleres son citadas por carta para realizaren unha mamografía con periodicidade de dous anos. Cando no son atopadas lesións sospeitosas, a paciente é convidada a realizar outra exploración dous anos despois. Cando cómpre unha valoración adicional -o 2,39% dos casos en 2017- a paciente é notificada por correo certificado cunha cita para unha unidade especializada. Durante o pasado ano diagnosticáronse en Galicia 480 casos de cancro de mama.

Os colectivos de pacientes inciden tamén, alén da protección das mulleres que padecen a enfermidade, na importancia do apoio público á investigación do cancro de mama. No caso galego unha das institucións que avanza nestas pescudas é a Breast Oncology Galician Network (BREOGAN), o consorcio científico galego que traballa na investigación do cancro de mama. Este grupo de investigación, formado por profesionais dos complexos hospitalarios de Vigo e Santiago e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, foi unha das 300 entidades científicas de todo o mundo que no pasado 2017 que lograron duplicar as variables xenéticas coñecidas que contribúen ao risco de desenvolver cancro de mama, axudando a comprender o proceso da enfermidade e a desenvolver novos tratamentos.

'Sobrevivir ao cancro para malvivir'

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.