Xouva Boats: Os barcos eléctricos chegan ás rías galegas

O prototipo do Xouva 4.90 está xa listo, amarrado no porto de Sanxenxo © Xouva Boats

Xouva 4.90 é un prototipo de barco eléctrico que se atopa amarrado no peirao de Sanxenxo e no que xa se pode navegar. Foi desenvolvido polo enxeñeiro vigués José Manuel Ballester, que botou a andar Xouva Boats para cumprir o seu soño de deseñar e construír unha embarcación de recreo. O barco mide 4,90 metros de eslora (de aí o seu nome) e polo tanto non se require de titulación para pilotalo. Pode transportar a 7 pasaxeiros e conta cunha autonomía de 6 horas, cunha velocidade máxima duns 4,8 nós.

O seu prezo, no momento en que se comece a producir en serie, pode acadar os 25 ou 30 mil euros, en función da potencia escollida, aínda que o feito de non ter que empregar combustible pode abaratar no longo prazo o seu custo. Está pensado para ter un uso turístico e de ocio, podendo ser alugado a clientes ocasionais para gozar das rías galegas ou das paisaxes, por exemplo, dos Canóns do Sil e doutros encoros. Entre as súas vantaxes están a ausencia de emisións contaminantes e de ruído. Falamos con José Manuel Ballester.

Como nace o Xouva 4.90? Como chegas a deseñar este prototipo?

Eu son enxeñeiro naval e traballaba no mundo dos estaleiros de buques, pero a miña paixón sempre foron as embarcacións de recreo. Sempre tiven ganas de deseñar e construír o meu propio barco. Tiña que ser, primeiro, un barco pequeno, para que non me custase moitos cartos. O nome de Xouva 4.90 fai alusión ao seu tamaño, que está xusto por debaixo da eslora máxima que se permite navegar sen título. E eu pensei precisamente en deseñar un barco destinado a ese mercado: ao alugueiro sen título, e pensando sobre todo nos turistas.

"Eu son enxeñeiro naval e traballaba no mundo dos estaleiros de buques, pero a miña paixón sempre foron as embarcacións de recreo. Sempre tiven ganas de deseñar e construír o meu propio barco"

E, ademais, eléctrico...

Investigando o mercado e vendo o que se fai noutros países de Europa, vin que en España non estaban apenas traballadas as embarcacións eléctricas, polo que podería ser un valor engadido moi significativo e diferenciador e ademais con proxección de futuro, porque é algo que máis tarde ou máis cedo vai chegar. En augas interiores e pechadas, como poden ser encoros ou lagos, a tendencia é que se prohiban os barcos con motores de combustión. Na metade dos que existen en España xa é así, e no resto supoño que se irán prohibindo, porque a contaminación xerada queda necesariamente nas augas. Neses espazos o uso dos motores eléctricos vaise impoñer.

Que vantaxes achega o motor eléctrico, ademais da ausencia de contaminación?

Si, unha das maiores vantaxes é a total ausencia de emisións ao medio, tanto de fumes como de outros elementos contaminantes que van parar á auga, producidos polos motores convencionais. E, por suposto, o ruído. Aquí a diferenza é moi significativa: a xente que está a probar o barco queda moi sorprendida, porque pode manter unha conversa empregando un ton de voz normal, sen berrar, que é un problema que teñen os pequenos barcos de motor. Ti pensa no importante que é evitar contaminar os Canóns do Sil ou as Rías Baixas cando estás nunha embarcación de recreo paseando por eles. E gozando das súas paisaxes en silencio, sen o ruído dun motor. Quero que o barco sexa unha plataforma para un turismo sostible e diferenciador.

"A xente que está a probar a embarcación queda moi sorprendida, porque pode manter unha conversa empregando un ton de voz normal, sen berrar, que é un problema que teñen os pequenos barcos de motor"

É perigoso manexa un barco deste tipo sen titulación?

Manexar un barco é moito máis sinxelo que manexar un coche e en calquera caso as empresas que ofrecen estes servizos danche unhas clases previas duns 20 minutos antes de que poidas navegar. Estes servizos adoitan estar ademais en zonas nas que a navegación é segura: non hai demasiados baixos.

Desenvolvestes ademais un software específico para a embarcación. Que características ten?

O software do barco incorpora GPS, para saber por onde se está navegando, e tamén serve para controlar as baterías. Todo isto pode velo o cliente, que vai na embarcación, pero tamén o propietario, dende terra, de xeito que pode controlar se hai algún problema: se o barco está navegando por augas perigosas ou pode quedar sen batería, pode actuar. O software está pensado para dispositivos móbiles, para que se poida ver dende a tablet do barco pero tamén dende os móbiles, e inclúe igualmente información turística.

O prototipo é definitivo? Que fai falla para que se comece a construír en serie?

O prototipo está listo e está sendo xa probado nas augas por potenciais clientes. Queremos que a xente sente nel, que navegue e vexa como funciona. Estamos buscando eses primeiros clientes que son os que fan despegar unha empresa. É posible que incorporemos algún cambio a partir do feedback que xa estamos recibindo. No que si estou traballando é na construción dun teito para a embarcación, que incluiría placas solares que aumentarían a autonomía do barco.

"Quero que o barco sexa unha plataforma para un turismo sostible e diferenciador"

Que prezo terá?

O prezo andará entre 25 e 30 mil euros, aínda que depende moito da configuración eléctrica que o cliente escolla. Quero ofrecer distintos tipos de motores e de potencia, para axustalo ao que cada cliente necesite, á zona pola que queira navegar. O custo de adquisición é máis alto que nun barco con motor tradicional, pero á vez aforras o prezo do combustible. Así que a longo prazo pode saír mesmo máis barato.

O Xouva 4.90 está sendo xa probado dende o peirao de Sanxenxo © Xouva Boats
A embarcación está pensado principalmente para uso turístico e de ocio © Xouva Boats
A embarcación está pensada principalmente para uso turístico e de ocio © Xouva Boats

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.