Feijóo gábase do investimento da Xunta en I+D tras desviar 2,5 millóns deses cartos a construír o novo edificio do Gaiás

Feijóo na súa intervención gabando o I+D galego nun acto de Coren Dominio Público Xunta de Galicia

“Innovar significa apostar pola investigación aberta con centros tecnolóxicos e universidades”, di o presidente despois de que o seu goberno xustificase o transvasamento de fondos co argumento de que o bloque de oficinas da Cidade da Cultura será usado polas universidades

“Innovar para ser máis competitivos, e iso significa apostar pola dixitalización, pola investigación e a innovación aberta con centros tecnolóxicos e universidades”. Así defendeu este mércores o presidente Feijóo a aposta da Xunta pola investigación e o desenvolvemento (I+D), da que o Goberno galego lembrou que “nos orzamentos para este ano a innovación acaparaba unha partida de case 80 millóns de euros”. Unhas frases que o presidente pronuncia só cinco meses despois de que o pasado xuño o Goberno galego iniciase o transvasamento de 2,5 millóns de euros de partidas inicialmente previstas neses orzamentos deste ano para a I+D das universidades galegas á construción dun novo edificio na Cidade da Cultura.

A intervención pública de Feijóo en defensa da I+D galega produciuse este mércores nun acto en Ourense de presentación por parte de Coren dos seus proxectos para 2019. Nel o presidente ademais de detallar o investimento directo da Xunta en I+D cuantificou en 571 millóns o global de fondos destinados en Galicia por empresas, administracións e universidades.

A Xunta argumentou que coa construción desas oficinas no Gaiás vai “impulsar un complexo de I+D+i do Sistema Universitario Galego”

Porén, parte do inicialmente orzamentado pola Xunta para este ano como investimento en I+D irá a parar finalmente a obras de construción dun edificio de oficinas, o denominado edificio Fontán que ocupará na Cidade da Cultura o espazo do nunca rematado Teatro. O argumento que deu o Goberno galego cando o pasado xuño tramitou a modificación orzamentaria precisa para desviar os primeiros 700.000 euros dos 2,5 millóns totais que prevé desviar da I+D á construción do edificio foi o de que nesas oficinas vai “impulsar un complexo de I+D+i do Sistema Universitario Galego”.

Recreación do edificio Fontán de oficinas para as universidades no espazo que ía ocupar o Teatro da Cidade da Cultura

A contía desviada da I+D ao edificio do Gaiás coincide coa previsión de gasto para este 2018 dunhas obras que xa foron adxudicadas a unha das empresas que ía levantar o Teatro orixinal suprimido

Eses 2,5 millóns a desviar este ano da I+D universitaria á construción do edificio na Cidade da Cultura coinciden exactamente cos cartos que, segundo o procedemento de contratación das obras, a Xunta prevé gastar no proxecto durante este 2018. Este cronograma proxecta que en 2019 os gastos ascendan a 3,5 millóns, que en 2020 a anualidade sexa de 8,3 millóns e en 2021, de 4,5 millóns máis. Así, ata chegar aos 17 millóns de euros previstos. As obras xa foron adxudicadas o mes pasado a unha das empresas que ía construír o Teatro orixinal suprimido e que Feijóo se comprometera a non rematar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.