Aumentan as críticas pola xestión dos museos científicos da Coruña

Imaxe do Muncyt, inaugurado hai uns meses © Museos Científicos Coruñeses

Os museos científicos da Coruña (a Casa das Ciencias, a Domus, e o Aquarium Finisterrae) levan máis de 25 anos sendo un exemplo de xestión cultural e divulgativa, eloxiado en todo o Estado e mesmo fóra de España. Dende que en 1985 botou a andar a Casa das Ciencias (á que se uniu en 1995 a Casa do Home e en 1999 a Casa dos Peixes), esta institución creada polo Concello traballa sobre a base de que sen ciencia non hai cultura e que, polo tanto, "o analfabetismo científico é pura e directamente analfabetismo". O pasado ano, en boa medida pola éxito da iniciativa, inaugurábase o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, de ámbito estatal e que trasladaba a súa sede de Madrid á Coruña.

Isto foi así durante os gobernos en solitario de Francisco Vázquez e no acordo PSdeG-BNG liderado por Javier Losada. Porén, dende a vitoria de Carlos Negreira nas eleccións do pasado ano, os museos non teñen director, despois do cese de Tino Fraga (que en 2008 substituíra a Ramón Núñez Centella) e a súa xestión se foi facendo cada vez máis inactiva e farragosa. O Partido Popular convocou, iso si, un concurso público para a praza, no que ademais se salientaba a importancia da experiencia e o coñecemento do mundo da cultura e museoloxía científicas. Porén, o concurso foi declarado deserto e o Concello podería ter tomado a decisión de designar a Mónica Iglesias Prego, que até agora era interventora municipal no Concello de Burela, e sen experiencia coñecida neste campo.

A concelleira do BNG María Xosé Bravo considera o posible nomeamento unha mala noticia “para a ciencia e a divulgación”

A concelleira do BNG María Xosé Bravo considera o posible nomeamento unha mala noticia “para a ciencia e a divulgación” e sinalou que “non será cunha funcionaria da administración xeral como uns referentes da divulgación ocuparán o lugar que lles corresponde”. Bravo denuncia así mesmo a desaparición da  Mostra de Ciencia e Cinema, así coma a paralización da XXV edición dos Premios Prisma de divulgación da ciencia. O premio, cunha traxectoria consolidada e recoñecida en todo o Estado, debería finalizar esta semana a recepción de candidatos, pero en realidade aínda non se anunciou a súa convocatoria por non ter unha partida orzamentaria concedida.

Outra mostra da inactividade é a permanencia nos tres museos de exposicións que nalgúns casos se inauguraron hai tres ou catro anos; na Casa das Ciencias está O asombro de Mr. Darwin (2009), na Casa dos Peixes está Farmacuáticos (2008), e na Domus ¡Eureka!. Tamén desapareceu, por exemplo, o ciclo divulgativo Os luns con ciencia, realizada en colaboración coa Universidade da Coruña. 

No medio especializado de divulgación científica Amazings.es salientan que "se algo non interesa, se algo é prescindible, se a cultura é un luxo e podemos poñerlle impostos ou deixala aí aparcada coma se un museo fose simplemente algo que se visita e punto, e non un lugar vivo no que se crean en cada momento novas experiencias, logo non é raro que consideren que un museo, unha ruína en definitiva, pode levalo calqueira, porque só hai que asegurar que se abran as portas á súa hora, que estea razoablemente limpo e que haxa luz". O texto salienta que os museos científicos da Coruña "foron e son unha fórmula tan importante para a cultura científica do noso país" e que "se ao centro senlleiro da divulgación da ciencia lle pode pasar isto, dá medo pensar no que pode pasar noutros sitios".

Imaxe do Muncyt, inaugurado hai uns meses © Museos Científicos Coruñeses

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.