E ti xa navegas en galego?

© navegaengalego.blogspot.com

En que idioma navegas? Por defecto, os navegadores que se utilizan no Estado español usan por defecto o castelán. Non importa que os menús estean efectivamente en galego, pois pode ser que a lingua de referencia que utilice o programa siga sendo o español. Isto ten implicacións importantes, por exemplo, á hora de entrar nunha páxina con versións en varios idiomas, nas que se abrirá automaticamente a versión castelá e non a galega, ou no feito de que ao facer a procura dunha palabra no navegador, se recuperen primeiro os resultados da wikipedia en español e non en galego.

Vén de poñerse en marcha o blog Navegar en Galego co obxectivo de ofrecer consellos prácticos e descargas de utilidade para as persoas que queiran mudar o idioma do seu navegador. Os seus responsables lembran que a importancia disto non é só simbólica, pois unha maior porcentaxe de navegadores empregando o galego implica tamén un meirande interese de empresas e administracións en poñer en marcha versións en galego das súas webs, potencia o uso e as visitas da Galipedia e tamén as descargas de programas e aplicacións na súa versión galega.

Ao entrar no blog, o usuario recibe a información sobre o idioma que está empregando o seu navegador (sexa Chrome, Firefox, Ópera...) e sinxelas instrucións para mudar isto na configuración xeral do programa

Ao entrar no blog, o usuario recibe a información sobre o idioma que está empregando o seu navegador (sexa Chrome, Firefox, Ópera...) e sinxelas instrucións para mudar isto na configuración xeral do programa. Tamén se amosa un video-titorial e ofrécese un banner para que cada persoa o coloque no seu blog ou páxina, e así apoie a campaña para potenciar o uso do galego na rede.

Unha mostra da baixa porcentaxe de usuarios que navegan en galego está nas propias estatística do blog, que os seus responsables fan públicas. A pesar de que aos lectores deste blog se lles supón unha importante preocupación pola lingua, un 71% teñen os seus navegadores configurados na versión castelá, apenas un 17% en galego e ao redor dun 5% en portugués e en inglés. 

Navegar en Galego engádese a outras iniciativas semellantes, coma o blog Navega en galego ou o grupo de Facebook Eu navego en galego (SNL de Cerceda) e á páxina de axuda na Galipedia Como navegar en galego.

© navegaengalego.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.