As emisións galegas de gases de invernadoiro aumentaron en 2011, despois de varios anos de descenso

Acción de Greenpeace na central térmica das Pontes © Greenpeace

A crise económica e, sobre todo, a diminución da produción das térmicas de carbón das Pontes e de Meirama, recortaron un 26% as emisións galegas de gases causantes do cambio climático entre 2007 e 2010. Os datos de 2011 aínda son parciais, mais avanzan un repunte das emisións, inducido polo incremento en perto dun 50% da produción de electricidade a partir de carbón, o combustíbel máis intenso en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de invernadoiro.

Por seren grandes “fábricas de cambio climático”, as térmicas de carbón determinan en moi grande medida a evolución das emisións de gases de efecto invernadoiro no noso país. A forte caída nas emisións rexistrada a partir de 2007 foi paralela ao descenso da actividade das centrais de carbón, motivado pola entrada en funcionamento en 2008 das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Arteixo) e das Pontes -veciña da central de carbón- así como polo crecemento das enerxías renovábeis, para as que 2010 foi un ano moi bo, pola abundancia de chuvia e de vento. Porén, en 2011, a seca e o parón eólico deixaron un grande oco para as centrais de carbón, mais rendíbeis para as eléctricas que as centrais de ciclo combinado, moi infrautilizadas a pesar de seren moito máis eficientes e menos contaminantes. O tan “temíbel” decreto estatal do carbón, contra o que tanto protestaron Xunta, oposición e sindicatos, non freou a actividade das térmicas de carbón.

Os datos oficiais sobre as emisións totais de gases de invernadoiro durante 2011 non estarán dispoñíbeis até mediados de 2013, mais xa coñecemos as emisións de CO2 das industrias galegas que participan no (fracasado) comercio europeo de emisións, que en 2010 representaron o 34% das emisións totais de Galicia. O ascenso na xeración eléctrica con carbón fixo que as emisións totais dos sectores industriais abranguidos polo comercio de CO2 (produción de electricidade, refinaría, coxeracións, cemento, papel,…) medrase máis de 2 millóns de toneladas en 2011 a respecto de 2010, o que á súa vez augura un repunte das emisións totais de gases de invernadoiro na nosa terra, malia a crise económica e contrariando a tendencia europea.

 

ENDESA, a maior emisora

A central de carbón que ENDESA explota nas Pontes é o maior foco emisor de CO2 de Galicia e, algúns anos, tamén o maior do Estado español

A eléctrica ENDESA, propietaria das centrais de carbón e de ciclo combinado das Pontes, é, de lonxe, a maior emisora de gases causantes da mudanza climática desde Galicia. En 2010, esta multinacional española controlada pola italiana Enel foi responsábel ela soa de nada menos que un 18% das emisións do país, cifra que con seguridade foi superada durante o ano pasado, pois as súas emisións creceron entre 2010 e 2011 desde  4,73 a 6,81 millóns de toneladas.

A central  de carbón que ENDESA explota nas Pontes é o maior foco emisor de CO2 de Galicia e, algúns anos, tamén o maior do Estado español. Foi así en 2011, ao ter emitido máis de seis millóns e medio de toneladas,… máis que todo o sector do transporte en Galicia!. Este continúa a ser o segundo sector de actividade con maiores emisións, a pesar de que tenden a diminuír desde o comezo da crise económica. En 2010, último ano para o que hai datos, as súas emisións superaron os seis millóns de toneladas

 

Elevadas emisións por habitante

O apoio decidido ás térmicas de carbón, a trapallada eólica que paralizou o sector ou a aposta por unha nova incineradora de residuos urbanos, son exemplos senlleiros de políticas anticlima

Galicia emitiu durante 2010 pouco máis de 26 millóns de toneladas de gases de invernadoiro. 9,3 toneladas por habitante. Unha cifra semellante ás emisións medias da UE que está moi por riba do ecoloxicamente sustentábel e do socialmente xusto. Aínda que as emisións galegas diminuíron un 6,7 % desde 1990 –ano de referencia do Protocolo de Quioto- seguen a ser moi altas, e terán que se reducir moito máis durante os proximos anos e décadas, se queremos contribuír, con xustiza climática, a prevenir unha catástrofe climática global. A longo prazo terán que baixar até 1,5-2,5 toneladas por persoa e ano.

As baixadas nas emisións de gases de invernadoiro en Galicia durante os últimos anos –até 2011- non son, desde logo, o resultado de decisións tomadas polo Goberno Feijóo (nin, dígase de paso, polo bipartito). A nosa achega á mudanza climática diminuiu a pesar da Xunta, que fixo máis para aumentar as emisións que para as reducir e incumpriu a promesa de aprobar un plan de loita contra o cambio climático. O apoio decidido ás térmicas de carbón, a trapallada eólica que paralizou o sector, a aceptación mansa da decisión do Goberno Rajoy de suprimir as primas a novas instalacións de enerxía renovábel, a construción de máis quilómetros de estradas de alta capacidade, ou a aposta por unha nova incineradora de residuos urbanos, son exemplos senlleiros de políticas anticlima.

 

* Le a información completa en Un Claro no Bosque, o blog sobre ecoloxismo social e biodiversidade de Praza

Acción de Greenpeace na central térmica das Pontes © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.