A TVG destina 100.000 euros aos gráficos da noite electoral

Gráficos da TVG nas municipais de 2011 © TVG

Coa convocatoria anticipada das eleccións autonómicas do vindeiro 21 de outubro non só os partidos políticos que concorren ás mesmas tiveron que acelerar o seu calendario. Tamén o tivo que facer o Goberno galego e especiamente a Consellería de Presidencia, encargada de organizar o proceso electoral e cuxos altos cargos, algúns novatos na materia, están a adaptarse a marchas forzadas a este complexo labor. Isto mesmo acontece nos medios públicos de comunicación, ollados con especial atención dende o poder político en período electoral. Á espera de coñecer o plan de cobertura que a Televisión de Galicia e a Radio Galega farán do proceso electoral xa é coñecido que, de celebrárense finalmente, os debates electorais terán a TVG como escenario. E é posible saber tamén outro detalle: canto gastará o ente público en presentarlle á cidadanía os resultados das eleccións.

Dende hai anos vénse impoñendo a tendencia de que, nas noites electorais, as televisións amosen os resultados das enquisas e das urnas en espectaculares gráficos, moitos deles integrados na propia estrutura dos platós e cos que os presentadores e presentadoras poden interactuar. Esta é a solución pola que apostará novamente a Galega e farao investindo unha cantidade nada desprezable: ata 91.350 euros que, unha vez aplicado o correspondente IVE do 21%, se elevan alén dos 100.000, nomeadamente, ata os 110.533,50. Isto acontece porque a canle pública non desenvolverá estes traballos cos seus propios medios, senón que os encargará a unha empresa externa, tanto para a emisión televisiva como para a presentación en internet, a través da web da CRTVG.

A TVG contrata unha empresa externa para a elaboración destes gráficos

Segundo o prego de condicións elaborado pola TVG o contrato divídese en dous lotes, un para televisión e outro para internet. O resultado do primeiro lote será o que a audiencia vexa no habitual programa especial de eleccións e componse de dous tipos de gráficos, os "virtuais", que se "incorporan ao decorado" e os "full screen", utilizados para amosar os resultados a pantalla completa tanto nese espazo especial como nos informativos do día seguinte. No propio documento o ente público especifica que contrata a elaboración de gráficos de barras, para "representar os resultados de cada partido e establecer comparativas coa anterior convocatoria", "gráficos de hemiciclo", para amosar o novo "reparto parlamentario", "gráficos de mapa", para "representar as vitorias das diferentes forzas políticas por provincias, concellos ou comunidades autónomas -esa noite informarase tamén das eleccións en Euskadi-" e "gráficos ticker", para presentar "información puntual".

Tanto na representación das enquisas como na dos resultados a TVG ten en conta a posibilidade de que o 21-O aumente o número de forzas parlamentarias. Así e todo, para amosar os inquéritos a pé de urna solicita que se representen "os tres partidos con presenza ata agora no Parlamento por unha banda e o resto das formacións políticas por outra". En canto aos resultados óptase por unha presentación na que xa figuren as "fotos dos candidatos das forzas que obteñan representación parlamentaria" con número de escanos e porcentaxe de votos. A empresa adxudicataria debe ter preparados aos de PP, PSdeG e BNG e, "de ser o caso, os cabezas de listas de novas forzas que entren na Cámara galega". Todo isto incluirase nun programa especial que contará cunha "mesa de analistas, un atril de datos, unha pantalla de 50 polgadas e un espazo virtual".

 

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG © CRTVG
Gráficos da TVG nas municipais de 2011 © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.