Denuncian que a Xunta "favorece a endogamia na investigación" na súa convocatoria de bolsas posdoutorais

Concentración de investigadores diante da sede da Xunta de Galicia o pasado decembro CC-BY-SA Precarios Galicia

A Xunta vén de anunciar a convocatoria de contratos de investigación para doutores. Faino despois de que nos últimos dous anos non o fixese e ademais cunha serie de requisitos nas súas bases que xa espertaron as criticas de boa parte dos investigadores novos e novas de Galicia e do colectivo Precarios. Á convocatoria, que consiste basicamente nunha prórroga dun ano máis de contrato, só poderán acceder beneficiarios do antigo programa Ángeles Alvariño de 2008, só dese ano, polo que se converte nunha convocatoria ad hoc que discrimina por exemplo os Alvariños de 2007 ou 2009.

Precarios denuncia que a convocatoria "favorece a endogamia en detrimento da excelencia" e pide que que se cambie a convocatoria (aínda non publicada no DOG) para que poidan acceder todos os investigadores que cumpran os requisitos que teñen os Ángeles Alvariño do 2008 en canto a mobilidade e criterios de calidade, "sen limitación do tipo de contrato que disfrutasen con anterioridade". A Xunta argumenta que os beneficiarios de 2007 puideron presentarse á convocatoria do programa Parga Pondal de 2010, pero para a entidade "trátase dunha escusa pouco convincente, dado que a esa convocatoria estaba aberta tamén aos beneficiarios do programa Ángeles Alvariño de 2008".

Precarios denuncia que a convocatoria "favorece a endogamia en detrimento da excelencia" e pide que que se cambie a convocatoria para que poidan acceder todos os investigadores que cumpran os requisitos

Representantes dos beneficiarios do programa Ángeles Alvariño do 2007 reuníronse co Director Xeral de Universidades e a Secretaria Xeral de Promoción Científica, quen lles manifestaron a intención de que, na vindeira convocatoria para a segunda fase de posdoutoramento (segundo a Xunta na primavera de 2013) se lles daría cabida con outra modalidade "endogámica exclusiva para eles", demostrando segundo Precarios "unha vez máis a improvisación por parte dos responsables de elaborar os programas de recursos humanos do plan I2C". Precarios pide que as convocatorias se abran para que poidan participar todos os investigadores e investigadoras que cumpran os requisitos.

 

A parálise da investigación en Galicia

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C) leva xa dous anos en vigor, nos cales o apoio da Consellería aos investigadores en fase posdoutoral consistiu simplemente en prorrogar contratos dos programas do anterior plan executado polo bipartito (denominado INCITE) que xa estaban comprometidos nas convocatorias orixinais. De feito, as convocatorias de recursos humanos publicadas ata agora ao abeiro do plan I2C limítanse a axudas predoutorais e de estadías do 2011, e ás recentemente convocadas axudas predoutorais do 2012. 

Até 2009, o antigo plan INCITE contemplaba un programa de axudas para doutores recentes que iniciaban a súa primeira fase de posdoutoramento (programa Ángeles Alvariño) e outro de investigadores posdoutorais con experiencia que entraban na segunda fase (programa Parga Pondal). A última convocatoria deste segundo programa produciuse no 2010, moi recortada (só 15 prazas, menor tempo e menor salario que en anteriores convocatorias e ausencia de compromiso de estabilización).

Concentración de investigadores diante da sede da Xunta de Galicia o pasado decembro CC-BY-SA Precarios Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.